∙ Os populares denuncian a falta de accesibilidade que a reforma causou na praza “substituíndo as ramplas de acceso por un ascensor do que aínda non se ten a certificación para poñelo en funcionamento”.
∙ A comunidade de propietarios do garaxe declara que as filtracións seguen producíndose e que solicitaron unha nova proba de estanqueidad á que o Concello negouse.
O Concello de Culleredo acaba de anunciar en prensa que dá por finalizada a obra de Praza de Galicia a pesar de que o principal motivo da súa reforma, as filtracións de auga ás prazas de aparcamento do garaxe que hai baixo a praza, non fosen liquidadas.
“Os veciños están fartos e indignados coa actuación do Goberno Municipal. Tras anos de litixios para que o Concello solucionase os danos causados polas filtracións de auga procedentes da praza de titularidade municipal e despois de esperar tres anos a que se cumprise a sentenza que lles daba a razón, agora atópanse con que a reforma non serviu para dar solución ao tremendo problema das filtracións”, reclama a líder popular, Izaskun García.
A comunidade de propietarios do garaxe, non conforme co resultado das probas de estanqueidad realizadas en decembro, solicitou realizar unha nova proba que verifique “o que o alcalde leva asegurando en prensa desde entón, que a impermeabilización da praza foi un éxito. Se é certo, non entendemos por que se nega a dar o permiso para esa última proba antes de aceptar a recepción da obra”, manifesta García Gorostizu..
A obra, que comezou en marzo do 2023, “Rioboo tentou vendela como un proxecto novo de reforma e non como o cumprimento dunha sentenza xudicial que lle obrigaba a iso. E o que fixo foi eliminar prazas de aparcamento nos arredores da praza sobre a marcha, sen que constasen no proxecto inicial e sen informar os veciños”.
Outro aspecto que os populares critican é “como non se dotou de maior accesibilidade a unha praza con tanto desnivel, ofrecendo como única posibilidade de acceder á parte superior un ascensor do que, por certo, aínda non se ten a certificación para poder poñelo en marcha”.