A BMMC ofrecerá catro concertos este mes. O primeiro deles terá lugar na praza da Tolerancia, no barrio de Labañou. Xa posteriormente, a formación actuará en María Pita e no Campo da Leña
A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) volve ás rúas da cidade durante as Festas de María Pita. Durante as vindeiras semanas, a agrupación ofrecerá catro concertos de temática festiva, nos que terán protagonismo artistas galegos de renome como Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Xurxo Souto, entre outros.
A programación deste mes comezará este xoves 8 na praza da Tolerancia (20.00 horas), onde a Banda interpretará ‘América de norte a sur’, unha actuación na que o público asistente poderá desfrutar de composicións próximas a xéneros musicais do outro lado do Atlántico, como o jazz, o tango e sons latinos.
Xa o domingo 18 (21.00 horas), na praza de María Pita, terá lugar ‘A noite das cancións extraordinarias’, na que a BMMC estará acompañada por Rosa Cedrón —voz de Luar na Lubre durante case unha década—, Paco Lodeiro, Xurxo Souto e Miguel Ladrón de Guevara. O director titular da banda, Juan Miguel Romero Llopis, levará a batuta do concerto nesta velada que homenaxeará a canción galega.
A actuación en María Pita será o paso preliminar á volta da banda ao Campo da Leña, onde xa deixou o seu selo durante o mes de xuño cun ciclo de concertos a pé de rúa. O xoves 22 (20.00 horas), o cantante de orquestra galego Antonio Barros acompañará á formación coruñesa para lle dar forma á ‘Verbena sinfónica’, un programa inspirado precisamente na música de verbena, e que tivo unha gran recepción por parte do público da cidade noutra actuación que tivo lugar no Ágora o pasado mes de febreiro, tamén con Barros sobre as táboas do auditorio.
A programación de agosto pecharase precisamente no Campo da Leña. Será o xoves 29 (20.00 horas), coa BMMC e o gaiteiro José Manuel López ‘Josele’, nunha actuación próxima á música galega e irlandesa.
Neste sentido, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou “o compromiso do Goberno de Inés Rey para achegar a cultura e tradición da banda a todos os barrios da Coruña”, unha folla de ruta que, nos últimos meses, xa se plasmou con actuacións da BMMC nos centros cívicos da cidade, e que terá continuidade en agosto, comezando pola praza da Tolerancia.