O BNG de Culleredo vén de presentar a tódolos grupos na Corporación Municipal unha proposta para solicitar da Intervención Xeral da Xunta de Galiza o seu ditame respecto dos impagos de facturas acumulados polo goberno municipal. Segundo o Real Decreto 424/2017 de réxime xurídico e control interno das entidades do Sector Público corresponde á Intervención Xeral da Xunta de Galiza a tutela e supervisión financeira de administracións locais como o Concello de Culleredo. Por este motivo os nacionalistas recollen na súa proposta a intervención deste organismo para avanzar cara o recoñecemento e pago das facturas pendentes de abono, aclarando no camiño as responsabilidades que poidan derivar da actuación do goberno municipal neste procedemento.
O Concello de Culleredo, baixo o goberno do Sr. Riobóo, acumula facturas impagadas por un importe darredor de 500.000€ pendentes de abono dende o pasado ano 2023. Estas facturas proceden de suministros e servizos realizados durante o pasado ano, en pleno ano electoral, sen ningún tipo de procedemento legal para a súa contratación e sin sequera contar con crédito no orzamento. É dicir, o goberno municipal comprometeu gasto público sen importarlle o máis mínimo se existían fondos e sen seguir o procedemento legal recollido na Lei de Contratos do Sector Público.
No momento en que o goberno municipal decida presentar o recoñecemento das facturas pendentes, corresponderá ao Pleno a súa aprobación. O BNG propón contar previamente coa valoración da Intervención Xeral da Xunta de Galiza para depurar as responsabilidades que correspondan e evitar prácticas irregulares semellantes no futuro.