Tralo éxito de participantes colleitado o ano pasado, o Concello de San Sadurniño e o club MTB Biela e Chaveta volven organizar neste 2024 a Cronoescalada San Rockeira, que terá lugar en Naraío o venres 23 de agosto, véspera das festas do San Roque. As inscricións para a cita ciclista están abertas desde hai varias semanas a través da páxina emesports.es. O último día para apuntarse -de balde- é o 15 de agosto ás 14:00h… ou ben cando se esgoten as 100 prazas dispoñibles. E en setembro, o día 27, tamén teremos unha BTT nocturna.
A cronoescalada Sanrockeira 2024 volverá estar dividida en dúas modalidades, unha para bicicletas de estrada e outra para BTT, e dúas categorías en ambas: Absoluta -18 a 49 anos- e Máster 50 -de 50 anos en diante-. Este ano, como novidade, os tempos controlaranse con chip.
Haberá que completar un percorrido de 3,4 quilómetros de distancia que comezará no campo da festa de Naraío -ao pé da pista polideportiva- e que despois continuará polos lugares do Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada -polo camiño novo-, Lourido e, finalmente, o lugar de Quintiá. A saída para a primeira persoa participante darase ás 18:30h e a partir de aí irán arrancando individualmente cada 60 segundos.
Os primeiros mil metros, entre o Eirexado e a Cernada (polo camiño novo de Lourido) teñen escasa dificultade, con costas suaves, algún segmento chan e incluso algunha baixada. Da Cernada en diante, faltando aínda 2,4 km para a meta, a cousa vólvese máis dura cun ascenso ininterrompido ata practicamente o final no que só se atopan dous breves momentos de folgo: uns raquíticos vinte metros case chans ao entrar en Lourido e os 400 metros previos á chegada, que lle ofrecen a quen teña folgos a oportunidade de botar un sprint para rabuñar algúns segundos no crono.
A inscrición na II Cronoescalada Sanrockeira é gratuíta e deberá facerse antes das 14:00h do 15 de agosto a través da web emesports.es. Hai 100 prazas dispoñibles que se irán asignando por orde de solicitude.
A cita está organizada polo Concello e o club MTB Biela e Chaveta coa colaboración da comisión de festas de Naraío, que nesa fin de semana celebrará o San Roque.
BTT nocturna en setembro
A outra cita ciclista que temos en axenda é unha ruta BTT nocturna o venres 27 de setembro a partir das 21:00h con saída e chegada no CPI de San Sadurniño. Neste caso serán 21 quilómetros de baixa dificultade por pistas, camiños e corredoiras do concello.
Tamén se ofertan un máximo de 100 prazas, que se poderán reservar de balde ata as 14:00h do 25 de setembro. A folla de inscrición, dispoñible nesta ligazón, haberá que rexistrala no Concello ou enviarlla a fernando.guinazu@sansadurnino.gal ou a agustin.perez@sansadurnino.gal.