Friday 22 de November de 2024

Espectáculos e música para unha nova semana do Verán Cultural na Pobra


A Pobra do Caramiñal entra nesta semana de agosto con tres propostas dentro do Verán Cultural deseñado pola Concellaría da Cultura. “Unha semana máis espallaremos cultura polas nosas rúas. Desta vez, o protagonismo será para dúas compañías e para unha das entidades máis representativas do noso tecido asociativo”, declara a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.

 

SU.MA estará con Glamping no martes 6, ás 20.30 horas, no Cantón da Leña. Trátase dun espectáculo dirixido a público infantil que chega coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña sobre as relacións humanas, onde calquera poderiamos ser ese personaxe en tensión, buscando a mellor maneira de resolve-la situación. Teatro xestual, música, acrobacia aérea, danza e swing en clave de clown son os ingredientes desta actividade.

 

Outra cita para as crianzas que recalará no municipio coa colaboración da Rede Cultural de Deputación da Coruña é Soño, de O Show de Fifo. Aquí, Fifo non sabe se o que está a vivir é unha realidade ou un soño e terá que descubrilo coa axuda dos nenos e nenas a través de divertidos gags que implican a participación de todos e todas. A música, o baile e a risa están asegurados. Desenvolverase no xoves 8, ás 20.30 horas, no Cantón da Leña.

 

E o XXVI Encontro de Habaneras, da Asociación Amas de Casa da Pobra, terá lugar no sábado 10, ás 20.30 horas, na igrexa de Santiago do Deán.