Friday 22 de November de 2024

Concello e Stop-Desafiuzamentos abordan o problema da vivenda en Ribeira Ribeira 5 de agosto de 2024


O rexedor, Luís Pérez Barral reuniuse co portavoz de Stop Desafiuzamentos, José Manuel Pena, para abordar o problema da vivenda en Ribeira e estudar alternativas para darlle unha solución.

O primeiro que se vai facer conxuntamente co Concello é solicitar unha reunión co director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), outra coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e outra coa Valedora do Pobo para establecer colaboracións que permitan que Ribeira gañe vivenda para alugueiro asequible.

Pérez Barral asegurou que se ten solicitado que Ribeira figure nos plans do Estado e da Xunta para que se poidan construír vivendas en réxime de alugueiro asequible para a poboación. Neste sentido, o Estado acaba de anunciar que Ribeira entrará no dentro do Proxecto Viena, que consiste en destinar vivendas da Sareb ou parcelas desta entidade para construír vivenda protexida.

Pola súa banda, José Manuel Pena, incidiu na necesidade de fomentar o alugueiro das vivendas baleiras fomentando garantías como seguros de falta de pago, desocupación, deficiencias nas vivendas, etc. Ademais disto Pena salientou que as Administracións deberían ter un listado de vivendas baleiras en mans das entidades financeiras, fondos de investimento e grupos inmobiliarios co obxectivo de negociar, en interlocución da Valedoira do Pobo, para chegar a acordos que permitan incrementar a oferta en alternativas de habitacións para a veciñanza ribeirense.

Pena e Barral salientaron a boa interlocución e concordaron en que se debe traballar de maneira coordinada entre as Administracións para darlle solución a este problema, fomentando a construción de vivenda protexida e fomentando o alugueiro asequible.