Friday 22 de November de 2024

As Festas de María Pita reúnen este martes a Modestia Aparte, Los Toreros Muertos, Amistades Peligrosas ou OBK


O Festival Locos pola Música comezará ás 20.30 horas

As Noites de María Pita acollerán este martes unha nova edición do festival Locos pola Música, un certame que reúne cada ano a diferentes formacións musicais da década dos anos oitenta. O Goberno de Inés Rey, dentro da programación das Festas de María Pita, configurou actuacións musicais para todo tipo de públicos e idades.

Nesta edición do certame actuarán na praza de María Pita, a partir das 20.30 horas, os grupos Modestia Aparte, Los Toreros Muertos, Amistades Peligrosas, OBK, Un Pingüino en mi Ascensor e Hechizo (Homenaje a Héroes del Silencio). O público poderá rememorar grandes clásicos da música nacional como ‘Como te mueves’, ‘Mi aguita amarilla’ o ‘Historias de amor’.
A celebración do festival Locos pola Música pechará a primeira etapa das noites de María Pita, que acolleron desde o día 1 de agosto os concertos de Kate Ryan, Mocedades, Los Panchos, Los Planetas, Rock en Familia e Omar Montes. Agora, haberá unha pausa pola celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia e pecharán esta sección das Festas de María Pita La Plazuela, Ariel Rot e Budiño.
Festival Noroeste Estrella Galicia

Este martes tamén continuará o Festival Noroeste Estrella Galicia, na súa sección de Contos do Noroeste e Noroestiño, que por primeira vez leva as artes escénicas ao evento musical gratuíto máis importante do país. Os protagonistas da xornada do martes serán Roi da Costa (ás 19.00 horas na praza do Humor) e Cé Orquestra Pantasma (ás 19.00 horas nos xardíns de Méndez Núñez).
Roi da Costa forma parte da sección Contos do Noroeste e interpretará o seu espectáculo ‘A miña vida sendo outro’, un show de improvisación e imitación. Pola súa banda, Cé Orquestra

Pantasma ofrecerá na sección Noroestiño un espectáculo musical para todos os públicos chamado ‘Home orquestra’, na que el só toca diferentes instrumentos musicais.

Retirada de invitacións para as actuacións do castelo de San Antón

Por outra banda, este martes poderanse retirar as invitacións para asistir aos concertos programados no castelo de San Antón dentro do Festival Noroeste Estrella Galicia. Poderanse retirar no despacho de billetes da praza de Ourense entre hoxe e mañá en horario de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas e en Ataquilla a partir do martes ás 11.00 horas.

Poderanse retirar un máximo de dúas invitacións por persoa. En caso de que con se complete a capacidade do recinto ao comezo de cada concerto, a entrada será libre ata completarse o espazo. Cabe destacar que o castelo de San Antón non está adaptado para persoas con mobilidade reducida, polo que non se poderá garantir o seu acceso a estes concertos.
As actuacións programadas no castelo son: Leticia Rey (mércores ás 19.30), Martin Kohlstedt (mércores ás 21.00), Trío da Kali (xoves ás 19.30) e Lapido (xoves ás 21.00 horas).

Servizo especial de transporte

Como é habitual, o Concello activou desde este xoves 1 de agosto un dispositivo especial de mobilidade de cara ás Festas de María Pita. Un servizo que implica un reforzo nas liñas de autobús operativas á finalización dos concertos. O obxectivo é favorecer o desprazamento dos cidadáns aos concertos que se celebrarán na praza de María Pita desde mañá.

Este dispositivo, con saídas centralizadas desde Porta Real, estará habilitado os días de concertos de Noites en María Pita, entre o 1 e o 14 de agosto, sempre a partir das 23.30 horas agás este martes 6, cando se disporá dito reforzo a partir das 1.30 horas, á conclusión do evento. As liñas nas que está previsto un reforzo do servizo son as seguintes:
● Liña 1, con cobertura ás zonas da Palloza, A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón e a avenida de Monelos.
● Liña 1-A, con cobertura ás zonas de Catro Camiños, a avenida Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís.
● Liña 3-A, con cobertura ás zonas de Labañou e Os Rosales.
● Liña 6, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, avenida de Fisterra, O Ventorrillo e Meicende.
● Liña 7, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, O Peruleiro, rolda de Outeiro, O Ventorrillo e Vila de Negreira.
● Liña 11, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla e Cancela e Os Mallos.
● Liña 21, con cobertura ás zonas de Ramón y Cajal, Pablo Picasso, O Birloque e Novo Mesoiro.
Ademais, todos os días, e xa a partir das 1.30 horas, estará en funcionamento o servizo nocturno de autobús no sentido de circulación habitual: Labañou – Rolda de Outeiro – O Birloque – Novo Mesoiro.