Friday 22 de November de 2024

A “Noite Velada” volveu encher de música e luz o campo do río de Ponte Ledesma


O campo do río de Ponte Ledesma acolleu na noite de onte venres a oitava edición da “Noite Velada”, organizada polo Concello de Boqueixón e que conta cunha gran acollida dos veciños e as veciñas da zona. Unha noite case máxica no que a música tradicional resoou aos pes da histórica ponte e ás beiras do río Ulla, que estiveron iluminados coa luz de máis de 300 candeas e de 50 teas.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, explica que “o noso obxectivo é facer unha festa de exaltación da nosa tradición e da nosa cultura. Por unha banda, grazas á música tradicional das nosas agrupacións locais e, por outra, ao dispoñer do mellor escenario posible: o campo do río de Ponte Ledesma, un dos espazos máis importantes da comarca a nivel natural, patrimonial, cultural e histórico”.

Este ano a música correu a cargo dos grupos locais “Muxicas da silveira” e “Raeira”, encargándose de pechar a noite o grupo “Cantos da Terra”, grupo formado por cinco músicos galegos excompoñentes de coñecidos grupos folclóricos que ofreceu en Boqueixón unha selección dos éxitos máis coñecidos do cancioneiro popular galego tradicional. Unha actuación que animou a moitas das persoas presentes no campo do río de Ponte Ledesma a cantar e bailar.

Recreación histórica

O mesmo escenario do campo do río de Ponte Ledesma acollerá mañá domingo 4 de agosto, ás 20:00 horas, unha recreación da histórica “Batalla de Ponte Ledesma”, que enfrontou en marzo de 1809 á veciñanza liderada pola Xunta de Trasdeza e ás tropas napoleónicas e que se saldou con vitoria veciñal.

Unha recreación na que participarán veciños e veciñas de Boqueixón, así como os “franceses” da Asociación Cultural Heroes de Casaldeirigo (Valga), todos eles dirixidos polo actor Suso Martínez e o músico Manoele de Felisa. A asistencia é libre e de balde.

Ese mesmo domingo, pola mañá, o campo da feira de Lestedo acollerá unha nova edición da súa tradicional mercado, que nesta ocasión contará coa presenza de catro food truck da campaña “Galicia sabe a mar”. De 9:30 a 15:00 horas, as persoas que se acheguen poderán degustar petiscos únicos ideados especialmente para esta iniciativa e elaborados con produtos autóctonos certificados de mar e terra.