Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ponteceso comeza as obras de mellora no centro social de Anllóns


A execución deste proxecto conta cun orzamento de 34.061 euros

Realizarase a renovación dos baños, mellorarase a accesibilidade e executaranse distintas actuacións de acondicionamento dos locais interiores

O Concello de Ponteceso vén de comezar as obras de mellora no centro social de Anllóns, que conta cun orzamento de 34.061 euros, realizadas a través dunha subvención de eficiencia enerxética da Xunta de Galicia.

Estase a traballar na renovación dos baños do local, incrementando a accesibilidade do lugar, arranxarando os problemas existentes no tellado do edificio, cambiando as fiestras e, ademais, tamén se están executando distintas actuacións de acondicionamento dos locais interiores.
Segundo indica o alcalde, José Manuel Mato, “tratábase dunha demanda da asociación de veciños de Anllóns, que utilizan este local para as súas actividades ao longo do ano” e engadiu que “queremos agradecerlles o seu labor, que é fundamental para dinamizar a vida no noso municipio”.

O rexedor quixo darlle as grazas á Consellería de Vicepresidencia, con Diego Calvo á cabeza, “por facer posible esta actuación gracias a unha axuda de eficiencia enerxética, que nos serve para acondicionar do mellor xeito posible un local social que goza dun gran uso por parte da veciñanza”.