Estas intervencións suporán un investimento autonómico de case 2,6M€ e levaranse a cabo nun total de 9 estradas autonómicas ao paso polos concellos de Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral, Curtis, Oza-Cesuras Boimorto, Melide, Mesía e Ordes
No Diario Oficial de Galicia fíxanse os días 27, 28 y 29 de agosto como datas do levantamento das actas previas de ocupación dos predios necesarios para as obras, establecendo a formalización das actas de ocupación os días 4, 5 e 6 de novembro
As intervencións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación
As obras licitaranse a finais de ano ou principios de 2025 para comezar os traballos na primavera
Estas intervencións enmárcase no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia
A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para este mes de agosto e o vindeiro mes de novembro dos actos expropiatorios necesarios para executar as obras de mellora da accesibilidade e conectividade de 65 paradas de autobús na contorna da Coruña.
Esta actuación, ás que se destinarán preto de 2,6M€, con financiamento da Xunta e fondos europeos FEDER 21/27, enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente. Inclúe intervencións nestes 10 municipios da provincia coruñesa en nove estradas de titularidade da Xunta. A Administración autonómica prevé licitar as obras a finais de ano.
Así, estes proxectos comprenden actuacións nos concellos de Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral, Curtis, Oza-Cesuras Boimorto, Melide, Mesía e Ordes, que se desenvolverán nas estradas de titularidade autonómica AC-621, AC-211, AC-213, AC-221, AC-230, AC-400, AC-524, AC-542 e AC-840.
En concreto, o DOG recolle o anuncio polo que se convocan os actos para o levantamento de actas previas á ocupación o día 27 de agosto no salón de plenos do Concello de Abegondo, das 9.30 ás 11.00 horas; e no edificio servizos múltiples do municipio de Oza-Cesuras, ás 12.30 horas. Continuarán o día 28 no salón de plenos do Concello de Betanzos, das 9.30 ás 10.30 horas; e no salón de plenos do Concello de Cambre, das 11.45 ás 13.15 horas. Xa, o día 29 de agosto, convócase este acto no salón de plenos do Concello de Curtis, ás 9.30 horas; e no salón de plenos do Concello de Mesía, ás 11.00 horas.
Posteriormente, o acto da formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 4 novembro no salón de plenos do Concello de Abegondo, das 10.15 ás 11.00 horas; e no edificio servizos múltiples do concello de Oza-Cesuras, ás 12 horas. O dia 5 a convocatoria celebrarase no salón de plenos do Concello de Betanzos, das 10.15 ás 10.45 horas, e no salón de plenos do Concello de Cambre, das 11.45 ás 12.30 horas. O día 6 de novembro, a convocatoria de formalización levarase a cabo salón de plenos do Concello de Curtis, ás 10.15 horas; e salón de plenos do Concello de Mesía, ás 11.15 horas.
No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240801/AnuncioG0181-080724-0002_es.html
As intervencións proxectadas
Con este proxecto trátase de intervir no ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade da Coruña, co fin de mellorar 15 paradas en Abegondo, 11 en Betanzos; 22 en Cambre; 1 en Carral; 3 en Curtis; 9 en Oza-Cesuras; 1 en Boimorto; 1 en Melide; 1 en Mesía e 1 en Ordes.
As actuacións deseñadas comprenderán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.
No marco destas intervencións, en primeiro lugar, priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.
As intervencións que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.
As actuacións tamén prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.
Como resultado da información pública, incluirase nas actuacións a subministración e instalación dun refuxio adicional para unha parada na costa da Tapia, no concello de Cambre.
O obxectivo do Goberno galego con estas intervencións é incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos no uso do transporte público, fomentando a diminución do uso dos movementos de corto e medio recorrido en transporte privado, con orixe ou destino nas cidades de maior poboación, o que redundará nunha diminución das emisións de xeito gradual.
Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.