Tras as Festas do Apóstolo, a concelleira desta área, Pilar Lueiro, fai unha valoración “altamente positiva” da programación baseándose “na considerable afluencia de público en todas as actividades, que é o indicador máis evidente e palpábel deste éxito”.
Pilar Lueiro asegurou que “neste 2024 iniciamos un ciclo, unha forma de enfocar as festas en que apostamos por que a veciñanza as faga súas, cun programa inclusivo, moi diverso, con actividades para todos os segmentos de público, e pensadas para que a para que a xente participe e non só sexa espectadora, que as sinta como propias”.
Así, o programa de concertos e actuacións musicais, ademais de atender a criterios de calidade artística e musical, estaba deseñado tal e como anunciara o concelleira “para desfrute público e mirando de xeito especial para a nosa veciñanza, entendendo que as nosas festas son tamén un escaparate dos e das nosas artistas, da produción propia e da nosa cultura en convivencia con outras manifestacións artísticas chegadas doutras latitudes”.
Alén da programación musical, tamén quixo salientar a boa acollida de actos con marcada presenza da veciñanza como a foliada pregoeira, o acto da Alba de Compostela cun Teatro Principal ateigado, o Día do Traxe, as xornadas de folclore, a Festa Pícara ou a programación de cinema en parques da cidade e en puntos do rural.
“A conclusión máis importante é que o éxito deste ano avala o acerto de apostar por que a xente faga súas estas festas, programando en base a esa máxima que tanto utilizamos e que di que ‘se é bo para as persoas que viven aquí, é bo para as que nos visitan” asegura Pilar Lueiro, quen xa avanza que “en continuar nesta liña é onde temos xa a vista posta de cara ao Apóstolo 2025”.