Haberá música, un xantar popular e actividades para todas as idades
Para reservar será preciso anotarse a través dos teléfonos 981 411 000 (Concello), 658 173 273 (Candela) e 673 857 246 (O Castro)
O Concello de Cerdido celebra o vindeiro domingo, 11 de agosto, o 30º aniversario da Área Recreativa O Castro, en colaboración coa asociación cultural Airiños dos Carrís.
Será nun evento con moita música, un xantar popular e actividades para todas as idades.
A xornada dará comezo ás 13 horas, co concerto de Dani Barreiro & Friends. A continuación ofrecerase un xantar popular con racións de churrasco (12 euros) e empanada (3 euros).
Será preciso anotarse a través dos teléfonos 981 411 000 (Concello), 658 173 273 (Candela) e 673 857 246 (O Castro). Os tickets poderán retirarse no local do Castro.
Ao longo da tarde haberá distintos xogos para todos os públicos como inchábeis, globoflexia e campionatos de tute e dominó.
A partir das 19 horas, Carlos Bau Dúo ofrecerá outro espectáculo musical e, por último, rematarase co concerto de Los Alcántara, a partir das 20 horas.
En palabras do alcalde, Alberto Rey, “a Área recreativa O Castro é o centro neurálxico da actividade cultural no Concello de Cerdido, e eventos como este 30º aniversario sérvenos para poñer en valor a súa actividade”.
“Desde o noso equipo de goberno temos a intención de seguir a poñer en valor a área recreativa, realizando melloras e dinamizando o programa de actividades que se desenvolven alí” engadiu.
Por último, o rexedor quixo “agradecer a súa colaboración á asociación Airiños dos Carrís, que nos axudan a facer posible este evento”.