Nesta mañá o Concello de Ribeira acudiu ao acto de recepción do novo módulo de atletismo e deportes de contacto no Complexo Deportivo da Fieiteira.
O rexedor, Pérez Barral e o concelleiro de Deportes, Xabier Vidal trasladáronse ao Complexo Deportivo da Fieiteira para recepcionar e sumar unha nova instalación ao complexo que, desta forma se reforza, cun módulo para a práctica do atletismo “indoor” e outro espazo destinado para os deportes de contacto.
O estudo de arquitectura “Oxil” de Corrubedo foi o encargado de facer o proxecto deste novo módulo que se incorpora ao Complexo Deportivo da Fieiteira; sendo o aparellador, Emilio Domínguez e o arquitecto, Manuel Domínguez que sinalou que “o módulo cuberto de atletismo e o módulo de tecnificación de deportes de contacto, é un edificio que xunto ca piscina suma 1.400 metros cadrados. Este edicicio vai cubrir a demanda para os deportes de contacto e atletismo en cuberto convertendo a Ribeira nun minicentro de alto rendemento”.
Domínguez explicou tamén que no módulo de atletismo maximizouse o espazo para dar cabida á variedade de disciplinas; zona de adestramento con pista de carreira, zona de salto de lonxitude, triplo salto, zona de pértega, salto de altura, zonas de combate no andar superior e os vestiarios.
Luís Pérez Barral e Xabier Vidal Peón, xunto cos técnicos da Xunta, estiveron revisando e verificando a posta a punto das obras xa finalizadas, supervisando que as novas instalacións estén feitas conforme ao prego técnico redactado polos arquitectos e que a instalación cumpre cos estándares marcados pola normativa e lexislación vixente.
O rexedor informou que “é unha actuación co-financiada pola Xunta de Galicia e o Concello de Ribeira que acadou un investimento final de 2.743.000 euros dos que o Concello aportou 1.243.000 euros e a Xunta os restantes 1,5 millóns” tamén sinalou que “vai a ser unha instalación que permitirá que os clubes da cidade, tanto de atletismo coma os de deportes de contacto, teñan un espazo para practicar estes deportes con calidade e sobre todo vai facer que poidan chegar deportistas de outras localizacións. O rexedor puxo en valor que a colaboración entre institucións permite desenvolver proxectos tan positivos como este, por iso animou a seguir colaborando para outros proxectos.
“Ribeira estase a converter nun referente a nivel deportivo coas súas instalacións renovadas” asegurou.
Finalmente informou que dende o Concello de Ribeira estase a traballar para mellorar esa pista deportiva de atletismo exterior, e tamén paralelamente todo o complexo para que os usuarios e usuarias poidan facer uso dunhas instalacións coidadas. “É un complexo que ten moitísimos abonados e por tanto necesitamos debemos seguir investindo recursos para renovar a instalación para que Ribeira conte cunhas instalacións adecuadas que respondan ás demandas da veciñanza e dos clubes deportivos” concluíu. obriga de facer uso da infraestrutura” concluíu.