Friday 22 de November de 2024

O pleno de San Sadurniño aproba por unanimidade a proposta de solicitar unha axuda para mercar a nave de Obras e Servizos


O pleno ordinario que tocaría o último xoves de xullo celebrouse onte, 1 de agosto, por causa do festivo da semana pasada. Na orde do día ían tres puntos principais: os festivos locais do ano que vén, que quedaron fixados no 4 de marzo -Martes de Entroido- e o 2 de xullo -Santa Isabel-, unha moción en rexeitamento da suba do canon de SOGAMA (e incluso do propio sistema autonómico de tratamento do lixo) e tamén a solicitude dunha axuda do IGVS en forma de crédito para adquirir a coñecida como “nave de Carnero”, utilizada en réxime de alugueiro polo Concello desde hai máis de dúas décadas como base do departamento de Obras e Servizos. Tanto o asunto dos días inhábiles de 2025 como a proposta da nave saíron adiante por unanimidade, mentres que a moción sobre o canon -a que máis debate xerou- aprobouse cos votos favorables do BNG e o representante do PSdeG-PSOE, mentres que o PP se abstivo.

Por esta orde, o primeiro que se votou foi o contido das actas dos dous últimos plenos, nas que o PP asegurou ter detectado erros de transcrición que deberán ser corrixidos despois do seu cotexo coas gravacións de ambas sesións.

Deseguido entrouse xa no asunto dos festivos, que viña precedido do acordo expresado polos tres grupos na comisión informativa. O tema tratouse e votouse, polo tanto, en menos dun minuto.

Tamén chegaba ditaminado favorablemente pola comisión o punto número tres, centrado en solicitar unha axuda do IGVS en forma de crédito -financiado co Fondo de cooperación- coa idea de mercar a nave de Obras e Servizos que o Concello vén alugando desde hai 25 anos.

A proposta de acordo incluía non só a solicitude da axuda autonómica, senón tamén a memoria descritiva do inmoble -unha granxa de polos edificada en 1985- onde se recolle a intención municipal de facerse coa propiedade co obxectivo de facela máis funcional para o uso que se lle está dando na actualidade, ademais de mellorar a súa integración na contorna.

No caso de conseguir finalmente a axuda crediticia do Instituto Galego de Vivenda e Solo, o Concello mercaría en 150.000 euros a nave (de 924 m² construídos), xunto con toda a parcela onde se asenta, cercana aos 20 ferrados. O importe volveríaselle ao IGVS en oito anualidades de 18.750 euros, a primeira en setembro de 2025 e a última en setembro de 2032.

Os tres grupos municipais votaron a favor da proposta da alcaldía, que lle permitiría ao Concello converterse en propietario para poder así ir acometendo o adecentamento da edificación e da finca. Cómpre ter en conta que o predio se encontra no Outeiro, xusto ao pé da DP-7601 (a estrada de Ferreira) e moi preto do río Xubia, do paseo fluvial e do conxunto arquitectónico do pazo e os xardíns.

Debate a conta da suba do canon de SOGAMA
A maior parte do tempo que durou o pleno, case unha hora, estivo ocupada pola moción nacionalista contraria á suba do canon de SOGAMA e ao propio sistema de tratamento con base en Cerceda. Un sistema baseado na queima e o soterramento de residuos que, por esa mesma razón, se ve penalizado pola normativa Europea e estatal, a través do imposto á vertedura e a incineración. Segundo a Xunta -accionista canda Naturgy de SOGAMA- o imposto (e outros factores) ocasiónanlle perdas á empresa que o Goberno galego vai compensar subíndolles o canon aos concellos.

Tal e como se expuxo onte no pleno, o prezo medio situarase nos 78 euros por tonelada (68,05 euros de xaneiro a xuño e 88,05 euros de xullo a decembro). Serán 20 euros máis en tonelada de lixo enviado a SOGAMA que, porén, non cobrará a UE nin o Goberno de España, senón que os cobrará a propia Xunta de Galicia por ter transferido o imposto. Estímase que a Xunta recadará dos concellos por ese concepto algo máis de 12,1 millóns de euros.

A suba do canon prodúcese a metade do ano, cando a maioría dos concellos teñen xa aprobado o seu orzamento. Como solución para minorar o golpe económico nas arcas municipais, a Xunta propuxo subvencionarlles aos concellos parte do canon inxectando unha partida de 9 millóns de euros. O detalle está -e de aí a protesta dos concellos e da propia FEGAMP- en que eses cartos virían do Fondo de Cooperación adicional. É dicir, a Xunta axudaríalles aos municipios detraendo unha parte dos fondos que xa eran para eles. “É un chuleo. É outro a Xunta invita e os concellos pagan”, dixo no pleno a portavoz do BNG Mari Carme Muíño Filgueira.

Na moción debatida no pleno demándase que a Xunta distribúa entre os municipios os 12,1 millóns de euros do Fondo Adicional utilizando como criterio o número de toneladas que envíen a SOGAMA, por tratarse de fondos detraídos do financiamento municipal. Tamén se pide que toda a recadación do imposto á vertedura e a incineración -orzamentada en 12.150.039 euros- se dedique “a implementar bonificacións no canon dos concellos”.

Por último, a moción insta á Xunta á creación dunha comisión de traballo entre SOGAMA, as consellarías de Medio Ambiente e Facenda e a FEGAMP, para determinar as condicións do canon de cara a 2025 e, sobre todo, “debater sobre o modelo de xestión de residuos en Galicia”. Un modelo “obsoleto, centralizado e antiecolóxico” que sitúa a Galicia “á cola en reciclaxe”, lonxe aínda dos criterios que marca Europa. Na moción apúntase que en 2020 SOGAMA só reciclou o 21% (a UE marcaba o 50%). “Somos a segunda peor comunidade do Estado en cifras de reciclaxe, xa que o propio plan da Xunta prorrogado até 2022, establecía a necesidade de tratar mediante compostaxe 245.000 toneladas cando a cifra oficial de 2022 apunta a que só se chegou ás 3.000”.

As demandas expostas no pleno foron apoiadas polo BNG e o PSdeG-PSOE, mentres que o PP optou pola abstención non sen antes demandar máis campañas “para concienciar” á veciñanza sobre a redución de lixo e a reciclaxe. O Grupo de goberno contestou, a este respecto, que a raíz do problema é o propio modelo SOGAMA “que se basea en incinerar a maior parte do lixo e cando as contas non dán, subirlle á xente”. O Executivo local tamén criticou que se estea promovendo a implantación do quinto colector -o do orgánico- no rural galego, “unha auténtica animalada” que debería suplirse por medidas como a compostaxe.

Rogos e preguntas
A última parte, a de rogos e preguntas, saldouse cun rogo do PP solicitando que “para aforrar” se eviten convocar plenos moi próximos no tempo e que os temas para tratar se concentren nunha mesma sesión. Tamén houbo dúas preguntas, unha sobre a limpeza dunha pista en Cornide e outra sobre se o concello tiña previsto facer unha limpeza en profundidade das cunetas de todo o territorio.