Téxtil, calzado, alimentación, artesanía… Isto é o que se poderá atopar nunha nova edición do Comercio na Rúa que se desenvolverá na praza do Emigrante do 9 ao 11 de agosto. Trátase dunha proposta coa que a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal busca incentiva-las compras no pequeno comercio aproveitando o bo tempo e o aumento da poboación na localidade durante o verán.
A edil Amparo Cerecedo incidiu na importancia de promover este tipo de iniciativas dende a Administración local para “dinamiza-la vida económica do municipio, nesta ocasión, sacando á rúa os produtos do comercio polo miúdo, do comercio de quilómetro 0, para poñer así en valor os artigos de calidade que ofrecen, a atención personalizada e o trato próximo”, ao mesmo que se xera espírito de comunidade. Destacou tamén o incremento da participación e heteroxeneidade nesta convocatoria, pasando dos 5 establecementos do pasado ano aos 13 do actual, tanto da Pobra coma doutros municipios: Mandarina, Mi barquito de papel, El armario de mi amiga, Fina Campaña, Burbujas, Paino Maina, Inés Marcos, Azafrán, Lusco Fusco e os/as artesáns Noites de Datura, Flow de Meiga, Jessica Tahim e Mil Colores. Todos eles estarán situados en postos cunha coidada estética, como se estivesen nos seus propios locais, para poñer en valor a imaxe comercial.
E tamén hai novidades, pois esta iniciativa non se limita á transacción comercial como salientou Cerecedo. Haberá un stand de trocos de artigos e outro con recomendacións para, por exemplo, o coidado da roupa.
Pola súa parte, a técnica municipal desta área, Sara Sánchez enumerou os obradoiros de balde cos que tamén se avivará a afluencia nesas datas: ópera e break dance (venres 9, ás 21.00 horas, con Esperanza Mara e A Vella Escola, financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística dentro do programa FalaRedes), tai-chi (no sábado 10, de 11.00 a 12.00 horas, con Sergio García), bailes latinos (no sábado 10, de 21.00 a 22.00 horas, con Tania Dorca), swing (no sábado 10, de 22.00 a 23.00 horas, con Carlos Tomico), ioga (no domingo 11, de 11.00 a 12.00 horas, con Punto Zen Yoga Estudio) e baile tradicional (no domingo 11, de 12.00 a 13.00 horas, con Arrancadeira). Requírese preinscrición a través do enderezo electrónico promocioneconomicapobra@gmail.com, se ben tamén haberá prazas dispoñibles nos propios talleres.
A inauguración terá lugar no venres 9, ás 20.30 horas, e o horario de apertura será no venres 9, de 20.30 a 23.00, e no sábado 10 e domingo 11, de 11.00 a 23.00 horas.
Falou, así mesmo, María Triñanes, de Zapatería Mandarina, quen valorou positivamente a súa experiencia en anteriores convocatorias desta proposta. Considera que é “moi beneficiosa” para o sector ao congregar a varias tendas nun único lugar, servindo como punto de unión, ademais de achegarlle á veciñanza a presenza destes locais, especialmente, entre a mocidade.