Friday 22 de November de 2024

Los Planetas celebran o 30 aniversario de ‘Super 8’  nas Noites de María Pita 


A formación de Granada actuará na praza a partir das 22.00 horas 

Tras as actuacións de Kate Ryan, Mocedades e Los  Panchos, as Noites de María Pita acollerán este sábado 3 de agosto un concerto moi especial  de Los Planetas. A formación granadina está a levar a cabo unha xira conmemorativa do 30  aniversario do seu disco ‘Super 8’. A actuación forma parte do amplo programa festivo  deseñado polo Goberno de Inés Rey para os meses de verán. 

A partir das 22.00 horas soarán na praza cancións como ‘De viaje’, ‘Si está bien, ‘Brigitte’ ou  ‘Qué puedo hacer’, éxitos que marcaron a varias xeracións e que serviron de influencia para  numerosas bandas de pop rock alternativo. A banda liderada por Jota e Florent tamén  interpretará outros clásicos do seu repertorio, composto por 10 discos de estudio. 

A banda está a actuar nos principais recintos e festivais do país durante este ano e será un  dos pratos fortes dunhas Noites de María Pita pensadas para todo tipo de públicos e estilos.  Los Planetas naceron como banda en 1993 e lanzaron o seu primeiro disco ‘Super 8’ en 1994,  converténdose desde aquel momento nos grandes referentes do pop rock alternativo  nacional. 

Noites de María Pita 

  • 4 de agosto: Rock en Familia – 20.00 horas 
  • 5 de agosto: Omar Montes – 22.00 horas 
  • 6 de agosto: Locos por la Música – 20.30 horas 
  • 12 de agosto: La Plazuela – 22.00 horas
  • 13 de agosto: Ariel Rot – 22.00 horas 
  • 14 de agosto: Budiño – 22.00 horas 

Servizo especial de transporte 

Como é habitual, o Concello activará desde este xoves 1 de agosto un dispositivo especial  de mobilidade de cara ás Festas de María Pita. Un servizo que entrará que implicará un  reforzo nas liñas de autobús operativas á finalización dos concertos. O obxectivo e favorecer  o desprazamento dos cidadáns aos concertos que se celebrarán na praza de María Pita  desde mañá. 

Este dispositivo, con saídas centralizadas desde Porta Real, estará habilitado os días de  concertos de Noites en María Pita, entre o 1 e o 14 de agosto, sempre a partir das 23.30  horas agás o martes 6, cando se disporá dito reforzo a partir das 1.30 horas, á conclusión do  evento ‘Locos Coruña’. As liñas nas que está previsto un reforzo do servizo son as seguintes: 

  • Liña 1, con cobertura ás zonas da Palloza, A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón e a  avenida de Monelos.
  • Liña 1-A, con cobertura ás zonas de Catro Camiños, a avenida Salvador de  Madariaga, Matogrande e Eirís.
  • Liña 3-A, con cobertura ás zonas de Labañou e Os Rosales. 
  • Liña 6, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, avenida de  Fisterra, O Ventorrillo e Meicende.
  • Liña 7, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, O Peruleiro, rolda de Outeiro, O  Ventorrillo e Vila de Negreira.
  • Liña 11, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, Juan Flórez,  Pla e Cancela e Os Mallos.
  • Liña 21, con cobertura ás zonas de Ramón y Cajal, Pablo Picasso, O Birloque e Novo  Mesoiro.

Ademais, todos os días, e xa a partir das 1.30 horas, estará en funcionamento o servizo  nocturno de autobús no sentido de circulación habitual: Labañou – Rolda de Outeiro – O  Birloque – Novo Mesoiro.