Un total 73 autoras e autores firmarán exemplares das súas obras do 12 ao 18 de agosto na Rúa da BD
O programa complétase con actividades para públicos de todas as idades, con 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e 2 espectáculos
A cara comercial de Viñetas desde o Atlántico 2024, a xa clásica Rúa da BD, reunirá durante unha semana, do 12 ao 18 de agosto, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, as firmas máis destacadas do sector da banda deseñada a nivel galego, estatal e internacional. Deste xeito, figuras de renome como Artur Laperla, Paula Cheshire, Miguel Robledo, Bea Lema, Martín Romero, Miguel Fernández, Fran Jaraba, Jordi Bayarri, Emma Ríos e David Rubín, entre moitas outras, visitarán a cidade herculina para participar no Viñetas, coñecer aos seus seguidores e firmar exemplares das súas obras. O Goberno de Inés Rey leva a cabo, deste xeito, un grande esforzo por recuperar o carácter internacional e de vangarda do Viñetas desde o Atlántico, baixo a dirección dun referente do sector como Manel Cráneo.
Nesta 27ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, a Rúa da BD mantén a súa esencia coa participación de editoras e librarías especializadas en banda deseñada procedentes de todo o territorio español. Entre as novidades, cómpre destacar que este ano se abre, tamén, unha porta a Portugal coa participación da editora Chili Com Carne, de Lisboa.
Viñetas desde o Atlántico quere dar un paso adiante cara á especialización da feira, centrando a súa Rúa da BD en librarías especializadas en banda deseñada galegas, con preferencia ás coruñesas, e ampliando o número de editores especializados de todo o estado español, cun total de 36 expositores: 23 editoriais (entre elas, por primeira vez, unha de Portugal), 10 librarías, 2 asociacións profesionais —AGPI e Autobán— e as Bibliotecas Municipais da Coruña.
No programa da Rúa da BD haberá firmas con cun total de 73 autoras e autores, ademais de 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e 2 espectáculos: Pedras de Cartón presentará a súa obra Moby Dick e Chuches Amil ofrecerá un concerto para toda a familia.
Na Rúa da BD destacarán, tamén, fitos como a celebración do 45º aniversario do nacemento de El Víbora, a emisión do Canal de YouTube Recuncho Gamer ou unha sesión de videoxogos e outra de demostración de xogos de cartas, todos eles abertos ao público. Artur Laperla, autor de Superpataca, impartirá un obradoiro infantil na Rúa da BD, que, como avanzabamos, contará, tamén, coa presenza de autores e autoras como Jordi Bayarri, Miguel Robledo, Fran Jaraba, David Rubín, Emma Ríos, Xulia Vicente, Xulia Pisón, Víctor Pinel, Martín Romero, Alicia Jaraba…
Deste xeito, neste 2024, a Rúa da BD será un punto de encontro para toda a sociedade, non só como a cara comercial de Viñetas, senón como un espazo para xerar sinerxías e favorecer a relación entre autores e editores cun completo programa de actividades específicas.
Editoras e librarías presentes nos expositores da Rúa da BD en 2024
Bibliotecas Municipais da Coruña, El Baúl de los Recuerdos, Norma Editorial, GP Ediciones, Komic Librería, Ediciones La Cúpula, Libraría Paz, Astiberri Ediciones, Demo Editorial, Alita Cómics, Penguin Random House, Garbuix Books, Chili Com Carne, cARTEm Cómics, A Gata Tola, Bang & Mamut Cómics, Autobán, Fiandón. Libros de vello, Anillo de Sirio, Dolmen Editorial, Nuevo Nueve, Fandogamia Editorial, Aleta Ediciones & Desfiladero Ediciones, Unrated Comics, Grafito Editorial, Metropolis Comics A Coruña, Spaceman Project, Cascaborra Ediciones, Astora Cómics, Eldritch Gate, Cósmica | Serendipia, Ponent Mon, Yermo Ediciones, Galgo Azul, Tengu Ediciones e AGPI.
Autoras e autores que firmarán exemplares na Rúa da BD en 2024
Abel Álvarez, Adrián Suárez Mouriño, Afra Torrado, Alba López Paredes, Alberto Carceller, Alex Martos, Alexandre Senande, Alicia Jaraba, Alicia Martín Santos, Álvaro Ortiz, Ana Moreiras, Anabel Colazo, Andrés Garrido, Artur Laperla, Bea Gregores, Bea Lema, Bernal Prieto, Bruno López (erre), César Verdúguez, Clara Patiño Bueno, David Braña, David Rubín, Delio Rodríguez Ces, Diego Ameixeiras, Diego Burdío, Doc Pastor, Elena Andrés, Emma Ríos, Fermin Muguruza, Fran Jaraba, Frankman Román, Genie Espinosa, Iria Aldegunde, Iván Gil, Iván Sarnago, Jordi Bayarri, Jorge Campos, José Ángel Ares, José Malvárez Carleos, Juanfer Briones, Kundo Krunch, Lola Garcerá, Lorena Varea, Lucas Varela, Lucía Cid, Manel Cráneo, Manuel L. Poy, Manuel Veiga, Marc Torices, Marcello Quintanilha, María Brenn, María Jiménez , Mariano Casas, Marina Sáez, Martín Romero, Miguel Fernández, Miguel Robledo, Pablo Prado, Paula Cheshire, Paula Esteban, Pedro F. Medina, Pío Barreiro, Primitivo Marcos, Rafael Jiménez, Susanna Martín, Tomás Guerrero, Víctor L. Pinel, Weronika Hańczyc, Xavier Queipo, Xavier Alcalá, Xulia Pisón, Xulia Vicente, Yeyei Gómez.
Apertura de inscricións para as actividades de Viñetas Pro e Viñetas Mini
Viñetas PRO é a sección de Viñetas 2024 orientada ao sector da banda deseñada, tanto a profesionais como estudantes. Así, durante toda a semana do festival desenvolveranse unha serie de actividades nas que o público ‘pro’ poderá participar activamente: visitas, obradoiros, relatorios, revisión de portafolios e encontros sectoriais; sempre con inscrición previa, do seguinte modo:
∙ Talleres de Xulia Vicente e Samuel Fernández: desde o 8 de agosto a través de https://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/destacadas-2024/vinetas-2024.
∙ Taller de Yeyei Gómez: a través do correo casasmuseo@coruna.gal.
∙ Visitas guiadas e revisión de portfolios: desde o venres 2 ata o venres 9 de agosto en comunicacion@agpi.es.
Actividades gratuítas con inscrición previa ata completar a capacidade de cada iniciativa, por orde de recepción das solicitudes. Só para profesionais ou estudantes de arte.
É posible consultar o programa completo de Viñetas Pro, coas actividades, datas e horarios, a través da páxina web do festival: https://vinetasdesdeoatlantico.com/.
Viñetas Mini, a sección infantil de divulgación e entretemento de Viñetas 2024 reunirá no seu programa contacómics de ‘Pablísimo’, obradoiros de BD impartidos por Jorge Campos, Tonecho Otero e Irene Sanjuan e un concerto infantil a cargo de Chuches Amil.
Ademais, o cinema familiar colarase en Viñetas Show para proxectar dous filmes de animación: Rebelión en la granja e Persépolis. En paralelo, os pequenos fans da BD contarán nos Xardíns de Méndez Núñez cunha zona de xogo de entrada libre de ‘Piratix ’e outra de ‘Superthings’, na que se repartirán miles de cómics que poderán asinar os seus heroes favoritos.
As inscricións dos contacómics e obradoiros, que se desenvolverán nas Bibliotecas Municipais da Coruña, abriranse 7 días antes da realización de cada actividade, a través de:
https://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/destacadas-2024/vinetas-2024. Con calquera dúbida, é posible escribir ao correo electrónico: bibliotecas@coruna.gal. Viñetas desde o Atlántico
Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.
Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.
Como novidade, o programa de Viñetas desde o Atlántico 2024 presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola. As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado este 2024.
Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.
Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego —Gaspariño de Xaquín Marín— súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves. Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar, tamén, que Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.