A alcaldesa, Inés Rey, subliñou hoxe o compromiso do Concello co tecido cultural e literario galego, nun acto de apertura que contou coa escritora coruñesa Andrea Maceiras como pregoeira
A alcaldesa, Inés Rey, participou este xoves no acto inaugural da 53.ª edición da Feira do Libro da Coruña, que volve aos xardíns de Méndez Núñez ata o vindeiro 10 de agosto, cunha ampla programación de actividades nas que tomarán parte preto dun cento de autoras e autores, así como 38 librerías e editoriais de diversas procedencias.
Nos vindeiros días, referentes da literatura galega como Yolanda Castaño —Premio Nacional de Poesía 2023—, Ledicia Costas e Xavier Alcalá estarán nas casetas de Méndez Núñez, onde tamén terá protagonismo Manel Cráneo, director artístico do ‘Viñetas desde o Atlántico’, que porá en marcha a súa nova edición o vindeiro luns 12.
“É un orgullo poder contar con elas e eles nesta Feira do Libro”, apuntou Rey, que convidou á cidadanía, así como ás persoas viaxeiras que percorren estes días as rúas da Coruña, “a desfrutar das presentacións, contacontos, recitais poéticos e espectáculos infantís previstos na programación da feira”, coincidindo coa celebración das Festas de María Pita na cidade.
Esta mañá, a alcaldesa tamén fixo fincapé no traballo que se leva a cabo desde a Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña desde que, en 1991, se abriu a primeira delas na Sagrada Familia. “Entre as autoras e autores que asinarán libros nas casetas da feira están persoas adultas que, na súa nenez, foron usuarias das nosas bibliotecas, que foron e seguen a ser unha ferramenta fundamental para promocionar a lectura e contribuír ao desenvolvemento social e cultural dos barrios da Coruña”, expuxo Rey.
Neste sentido, a rexedora subliñou a importancia que ten a lectura “á hora de achegar coñecementos, capacidade de comprensión e tamén de crítica, tanto ás novas xeracións como ás persoas adultas”. Rey quixo lembrar, ademais, a escritora coruñesa Luísa Villalta, homenaxeada no pasado Día das Letras Galegas e que, unha vez máis, ao igual que na edición do ano pasado, volverá a ter protagonismo nesta Feira do Libro.
Rey apuntou novamente á implicación das e dos profesionais das Bibliotecas Municipais para a posta en valor da historia cultural da Coruña e dos seus barrios, e, en particular, do legado de Villalta, ao que este mesmo ano se achegaron alumnas e alumnos do IES de Monelos que participaron nun proxecto de ilustración inspirado nos poemas de Villalta. “Son detalles que nos animan a seguir apostando polo tecido cultural da nosa cidade, que está moi vivo e que conta co apoio e compromiso total do Concello”, dixo.
No acto de apertura da 53.ª Feira do Libro, no que a escritora coruñesa Andrea Maceiras foi a pregoeira, participaron tamén José López Campos, conselleiro de Cultura, Natividad González, deputada de Cultura, e Jacobo Rodríguez, tesoureiro da xunta directiva da Federación de Librarías de Galicia, á que Inés Rey lle agradeceu, un ano máis, “o seu traballo para facer posible a realización dunha Feira do Libro que xa é un clásico estival da nosa cidade”.