▪ O alcalde, José Manuel Mato, asinou un convenio de colaboración cos presidentes das tres asociacións do municipio, que recibirán 400 euros cada unha
▪ Este convenio ten o obxectivo de apoiar a conciliación das familias e das actividades culturais e deportivas entre os menores
O Concello de Ponteceso destina 1.200 euros a apoiar ás ANPA dos centros escolares CRA Virxe do Forno, CEIP As Forcadas e CEIP Eduardo Pondal.
Cada unha destas asociacións contará cunha axuda de 400 euros, co obxectivo de apoiar o desenvolvemento de actividades culturais e deportivas entre os máis pequenos, así como fomentar accións encamiñadas á conciliación da vida laboral e familiar.
O alcalde, José Manuel Mato, asinou o convenio de colaboración xuntos coas persoas representantes de cada unha das Asociacións de Nais e Pais, Isabel Freijeiro García, Martín Varela Dourado e José Luís Grobas Amado.
O edil sinalou “a importancia de apoiar ás estruturas base nas infancias, como son os centros escolares e as ANPAS, que traballan por favorecer as experiencias dos nosos pequenos”.
Ademais, tamén salientou que “a conciliación é unha cuestión na que temos que traballar todos e todas, coidando que os nenos e nenas dispoñan da atención que precisan tras as horas lectivas” e que as actividades extraescolares “son unha excelente vía para que as nais, pais ou titores poidan traballar ou contar con tempo para si mesmos, á vez que as crianzas poden pórse en contacto cos deportes, artes ou coñecementos coma a informática, desenvolvendo as súas inquedanzas”.