O conselleiro de Ciencia coñece as aportacións do centro tecnolóxico en eidos como a mobilidade autónoma, a intelixencia artificial, a computación cuántica ou a transición enerxética
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou hoxe durante a súa visita ás instalacións do centro tecnolóxico ITG na cidade da Coruña as aportacións deste centro en ámbitos como a mobilidade autónoma, a intelixencia artificial, a computación cuántica ou a transición enerxética e puxo como exemplo a plataforma desenvolvida polo ITG para a integración e xestión eficiente e segura do tráfico aéreo non tripulado a través da aplicación de tecnoloxías avanzadas.
Esta plataforma, que deu os seus primeiros pasos no marco dunha Unidade Mixta de Investigación apoiada pola Xunta de Galicia, facilita o acceso eficiente e seguro dos drons ao espazo aéreo a través de servizos dixitais e automatización de funcións e xa foi empregada en campañas de voos nacionais e internacionais. Ademais, o conselleiro de Ciencia, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, puido coñecer da man do director xeral de ITG, Carlos Calvo, os avances do centro noutros eidos como a mobilidade aérea urbana, a enerxía dixital, a intelixencia artificial ou as tecnoloxías cuánticas.
Román Rodríguez apuntou a importancia de apoiar desde a Administración aos centros tecnolóxicos galegos polo papel que desenvolven na dinamización da innovación entre o tecido empresarial galego, por exemplo a través da súa participación en proxectos de I+D+i de carácter estratéxico como os apoiados a través do programa Fábrica Intelixente e Sustentable da Xunta de Galicia. Neste caso, o centro tecnolóxico ITG está a participar nun proxecto de transformación dixital nos procesos de fabricación e comercialización de madeira técnica, sustentable e con base na intelixencia artificial, liderado por Finsa.
Así mesmo, o titular de ciencia sinalou a importancia da colaboración entre os distintos axentes do ecosistema galego de I+D+i para impulsar a investigación en áreas estratéxicas para Galicia como os vehículos aéreos non tripulados, na que o ITG impulsou dúas unidades mixtas de investigación con sendas compañías Star Defence Logistics&Engineering e Everis Aeroespacial y Defensa. Estas unidades estiveron centradas, respectivamente, en proporcionar maior autonomía e intelixencia de voo, menores custos operativos e mellor tecnoloxía para a prestación de servizos con drons e en facilitar a integración eficiente e segura dos drons no espazo aéreo.
Máis de 11M€ desde 2009
A Xunta de Galicia leva achegado máis de 11 millóns de euros ao centro tecnolóxico desde 2009 a través de distintos apoios para potenciar as súas liñas de investigación estratéxicas, a contratación de persoal cualificado para realizar actividades de I+D+i ou a construción e equipamento de Galaxy-lab, entre outros. Recentemente, o centro vén de incorporarse á Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, impulsada pola Xunta de Galicia.