Thursday 19 de September de 2024

Fillas de Cassandra, Tributo ABBA e Forraje, pratos fortes do Carme dos Pincheiros


Os xigantes e cabezudos volverán percorre-las rúas da Pobra do Caramiñal coa festa do Carme dos Pincheiros que se desenvolverá do 16 ao 19 de agosto. Catro xornadas de lecer con propostas para tódolos públicos como ben explicaron o alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; representantes da comisión de festas (Jesús Maneiro, presidente; Jean Vaiarello, secretario; e Andrés Millán, vogal); e integrantes da organización dos San Juerguines (Marta Boo e Elsa Lorenzo).

 

Durante a presentación, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, anunciou que neste 2024 cambiou o formato organizativo. “Nos dous últimos anos expresamos a nosa vontade de valorar coas diferentes entidades organizadoras que operan no noso municipio novas fórmulas de colaboración para tentar alivia-lo inxente labor que realizan. Finalmente, optamos que a Administración local asuma as actividades de tres días de festexos, concretamente, o venres, o sábado e o luns, ademais de axudarlle á comisión cunha subvención para que faga o propio co domingo e as numerosas saídas que farán os xigantes e cabezudos nestas datas. Por iso, o Concello destina máis de 100.000 euros, entre programación e loxística. Temos un cartel moi variado que, sen renunciar á tradición, busca tamén reinventarse. Apostamos, polo tanto, por introducir distintos xéneros musicais para garantir que haxa para tódolos gustos e idades. E, proba disto, son tres dos pratos fortes: Fillas de Cassandra, Tributo ABBA e Forraje.”

 

Nesta mesma liña, pronunciouse o alcalde, José Carlos Vidal, para quen isto “é unha mostra do compromiso deste Concello no apoio ás súas comisións de festas e por seguir redimensionando as nosas celebracións sen que perdan a súa identidade, pero co afán de que cada ano vaian crecendo, tanto no que respecta a cantidade de propostas, como na diversidade e calidade das mesmas.” Avanzou, así mesmo, que será Francisco Davila Luaces, CEO de Mobalco, quen dea o pregón. Como apuntou o rexedor, o motivo da elección foi que “queriamos que esta honra recaese neste ano en alguén pertencente ao tecido empresarial da localidade polo papel clave que este xoga no crecemento económico, pero tamén social. Decantámonos por Mobalco porque é unha empresa que naceu na Pobra no 1959 como unha pequena carpintería para acabar especializándose en mobles de cociña no 1978. Trátase dunha firma que foi medrando ata acadar a proxección internacional da actualidade. Durante a súa historia foi adaptándose aos novos tempos e, incluso, logrou adiantarse ao que demandaba o mercado e estableceu tendencias. Agora, o ecodeseño e a sostibilidade son parte fundamental da súa filosofía empresarial. E aí seguen, coa súa sede no polígono industrial da Tomada, mirando ao presente e ao futuro, sen esquece-lo pasado, a súa esencia.”

 

Por parte da comisión de festas, Andrés Millán agradeceu a participación das persoas nas distintas accións que promoven para contribuír á financiación do seu traballo diario tales como sardiñada, venta de lotaría ou excursións, ademais dos donativos que reciben. Tamén falou Marta Boo, dos San Juerguines, para lembrar que o punto de venta de merchandaising cambia dos Xardíns de Valle-Inclán ao baixo onde estaba o Xogo da Bóla.

 

A primeira saída dos xigantes e cabezudos no venres 16, ás 19.00 horas, na compaña de Trécola marcará o inicio do período de celebración. Como xa é habitual, na igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal terá lugar, ás 19.30 horas, a imposición de escapularios ós novos confrades e misa solemne por tódalas persoas integrantes falecidas, cantada pola coral Lauda Sion.

 

Xa cara á noite, ás 21.00 horas, a atención desprazarase ao balcón da casa consistorial co pregón e, despois, tocará asistir na praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 22.30 horas, ao primeiro concerto de Forraje na súa casa, na Pobra do Caramiñal. Ademais da presenza desta banda de rock con gran repercusión no panorama musical español, contarase con Tobogán e Disco Móvil Chocolate.

 

No sábado 17 espertarase coa entrada na vila e alboradas polo rural con Xiada, Os Caraveiros e Andavía, ás 10.00 horas. Haberá tamén obradoiros e xogos populares, ás 11.00 horas, no Cantón da Leña. Cara ao mediodía volverase gozar dos xigantes e cabezudos, ás 12.30 horas, ademais de música e baile tradicional polo núcleo urbano con Caramiñas, Xiada, Ruadiña e Luminaria, das 13.00 horas en diante.

 

E tocará mollarse cunha das esperadas citas: os San Juerguines. Contará con sesión vermú amenizada por Mekanika Rolling Band e Buenrollito, festa da auga, olimpíadas pincheiras e festa rachada con Planet Discomóvil, Mateo Abelleira e Tito Maverick. O foco será a parte traseira do parque do Castelo.

 

La Ola ADN, Tributo ABBA e DJ Maikstyle serán os encargados de que soe a música e o público cante e baile na praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 22.30 horas.

 

Darase a benvida ao domingo 18 coa entrada na vila, ás 10.30 horas, de moita música tradicional da man da Banda de Caamaño, Banda Artística de Merza, Banda de Gaitas de Páramos, Banda de Gaitas Queicoa, Xiada, Os Caraveiros e Arrancadeira. Posteriormente, ás 11.30 horas, desfilará a Brilat para, un chisco máis tarde, ás 11.45 horas, ofrecer un concerto no Cantón da Leña acompañados de Arrancadeira. Ás 12.30 horas, os xigantes e cabezudos sairán novamente e os Xardíns de Valle-Inclán converteranse en escenario de dúas actuacións: a Banda de Gaitas Páramos e a Banda Artística de Merza.

 

Oficiarase misa solemne na honra da Virxe do Carme, ás 18.30 horas, no xa referido templo relixioso, e estará interpretada pola capela de música Lauda Sion. No remate, sairá en procesión a imaxe relixiosa portada por membros da Confraría do Santo Cristo, custodiada polos banderíns e a Banda Militar da Brilat, xunto coa Banda Artística de Merza e os xigantes e cabezudos, así como a colaboración da escola de danza da Asociación de Amas de Casa pobrense. Xa no peirao, realizarase a ofrenda das coroas de flores por parte de representantes da Asociación de Amas de Casa e da Confraría de Pescadores.

 

A verbena da noite correrá a cargo de Kubo e Disco Móvil Chocolate, das 22.30 horas en diante, na praza Alcalde Segundo Durán.

 

Tocará despedi-lo Carme dos Pincheiros no luns 19, festivo local, cun cartel á altura. O día comezará ás 10.00 horas coa entrada na vila e alboradas polo rural da man de Os Caraveiros, Xiada e Os Pequenos do Barbansa. A praza Alcalde Segundo Durán converterase en epicentro dunha festa infantil e festa da escuma, ás 11.00 horas. A Banda de Música Ateneo Musical da Pobra fará entrada na vila ás 12.00 horas para, máis tarde, ás 13.00 horas, tocar nos Xardíns de Valle-Inclán.

 

Haberá dobre saída dos xigantes e cabezudos: a primeira será ás 12.30 horas, mentres que a segunda está programada para as 19.00 horas.

 

O ritmo da tarde-noite virá marcado por SonBoleros, nos Xardíns, ás 20.00 horas, para despois ir cantar e bailar con Fillas de Cassandra, ás 22.30 horas, na praza Alcalde Segundo Durán.

 

Un espectáculo piromusical encherá de cor o ceo nocturno ás 00.00 horas e, como remate de festa, A Pobra DJ Fest II con Nia Caro, Rokiño e Enter, das 00.30 horas en diante, na referida praza.