Friday 22 de November de 2024

Os Bolechas educan en igualdade aos nenos e nenas de Neda nun conto editado polo Concello


O Concello presentaba esta semana tanto na escola infantil -nunha xornada de lectura compartida coas familias- como no campamento de verán “Neda concilia” a súa última proposta a prol da educación en igualdade. Trátase dun libro protagonizado polos Bolechas, que ademais pon en valor distintos espazos emblemáticos da vila.

No conto, editado polo Concello, os famosos personaxes infantís, creados polo debuxante e guionista Pepe Carreiro, visitan a Xuvia, unha amiga de Neda que, durante un paseo por distintos puntos emblemáticos da súa localidade, fala dos oficios que desempeñaron as mulleres de xeracións anteriores da súa familia, e reflexiona sobre o que quere ser de maior.

O libro, que a concelleira de Igualdade, Ángeles Puentes, entregou aos nenos e nenas que participaron nas actividades, alude a veciñas que traballaron no último século como tecedoras na Fábrica de Xuvia, como costureiras a domicilio, como mestras, como panadeiras… e subliña a importancia de acabar cos estereotipos de xénero no eido laboral, incidindo en que, independentemente do xénero, cada un debe esforzarse por ser o que quere ser.

Dende o Concello destacan que a publicación é un recurso educativo e sinxelo, destinado a acadar o dobre obxectivo de educar en igualdade e, ao tempo, da a coñecer espazos de interese turístico do municipio. Así, Os Bolechas percorren o casco antigo, achéganse á Fervenza, a Ancos…”
A administración local editou esta ferramenta de igualdade para o público infantil con Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A publicación estará dispoñible dende esta mesma semana para consulta e préstamo na biblioteca municipal de Neda e chegará aos coles no arranque do curso escolar.