A actuación das veteranas formacións comezará ás 22.00 horas
As Festas de María Pita continuarán este venres 2 de agosto cunha dobre actuación nas Noites de María Pita. As formacións protagonistas serán Mocedades e Los Panchos, que amosarán á cidade a súa veteranía sobre os escenarios e os numerosos éxitos colleitados durante décadas. O Goberno de Inés Rey promove coa programación das Noites de María Pita actuacións para todas as idades e públicos durante nove xornadas.
No caso de Mocedades, a formación fundada polas irmás Uranga e da que se mantén da formación orixinal Izaskun Uranga, atópanse en pleno desenvolvemento da súa xira Peregrina, na que están actuando, ademais de España, en países como México. Tras 57 anos de carreira musical, Mocedades interpretarán na praza de María Pita grandes éxitos como ‘Eres tú’, catalogada como unha das mellores cancións do festival de Eurovisión.
Xunto á formación de Bilbao estará sobre o escenario Rafael Basurto, a última voz de Los Panchos, que se atopa de xira conmemorando o 75 aniversario da formación. Los Panchos son un dos grandes conxuntos musicais de México e referentes do bolero e a balada romántica. A actuación, na que no faltarán colaboracións conxuntas, comezará ás 22.00 horas.
Noites de María Pita
● 3 de agosto: Los Planetas – 22.00 horas
● 4 de agosto: Rock en Familia – 20.00 horas
● 5 de agosto: Omar Montes – 22.00 horas
● 6 de agosto: Locos por la Música – 20.30 horas
● 12 de agosto: La Plazuela – 22.00 horas
● 13 de agosto: Ariel Rot – 22.00 horas
● 14 de agosto: Budiño – 22.00 horas
Servizo especial de transporte
Como é habitual, o Concello activará desde este xoves 1 de agosto un dispositivo especial de mobilidade de cara ás Festas de María Pita. Un servizo que entrará que implicará un reforzo nas liñas de autobús operativas á finalización dos concertos. O obxectivo e favorecer o desprazamento dos cidadáns aos concertos que se celebrarán na praza de María Pita desde mañá.
Este dispositivo, con saídas centralizadas desde Porta Real, estará habilitado os días de concertos de Noites en María Pita, entre o 1 e o 14 de agosto, sempre a partir das 23.30 horas agás o martes 6, cando se disporá dito reforzo a partir das 1.30 horas, á conclusión do evento ‘Locos Coruña’. As liñas nas que está previsto un reforzo do servizo son as seguintes:
● Liña 1, con cobertura ás zonas da Palloza, A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón e a avenida de Monelos.
● Liña 1-A, con cobertura ás zonas de Catro Camiños, a avenida Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís.
● Liña 3-A, con cobertura ás zonas de Labañou e Os Rosales.
● Liña 6, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, avenida de Fisterra, O Ventorrillo e Meicende.
● Liña 7, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, O Peruleiro, rolda de Outeiro, O Ventorrillo e Vila de Negreira.
● Liña 11, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla e Cancela e Os Mallos.
● Liña 21, con cobertura ás zonas de Ramón y Cajal, Pablo Picasso, O Birloque e Novo Mesoiro.
Ademais, todos os días, e xa a partir das 1.30 horas, estará en funcionamento o servizo nocturno de autobús no sentido de circulación habitual: Labañou – Rolda de Outeiro – O Birloque – Novo Mesoiro.