A recuperación dos soares permitirá crear novas zonas verdes e espazos de lecer
O acordo, que inclúe a conservación da antiga casa consistorial do Concello de Santa María de Oza, estipula, ademais, unha nova conexión con elementos electromecánicos entre a rolda de Outeiro e Antonio Ríos
O Concello da Coruña e a Xunta de Compensación do parque de Oza asinaron o convenio urbanístico que abre camiño á urbanización do API QA-28, que inclúe as parcelas existentes entre o propio parque e o polideportivo municipal do Castrillón.
O novo planeamento que estipula o convenio contempla a actuación sobre seis superficies diferenciadas no propio barrio do Castrillón: os soares entre as rúas Montes e Antonio Ríos, os existentes entre Antonio Ríos e Casanova de Eirís, outra superficie entre Antonio Ríos e a avenida da Concordia, as parcelas situadas entre Casanova de Eirís e a rúa Castrillón e outras dúas situadas entre a rolda de Outeiro e as rúas Montes e Carballo.
A recuperación destes soares permitirá a posta en marcha de diversos desenvolvementos residenciais e tamén a creación de máis áreas verdes e espazos de lecer para a veciñanza nuns enclaves onde existen, a día de hoxe, zonas de maleza e tamén antigos inmobles que, pola súa insalubridade e estado actual, esixirán a súa demolición.
Neste sentido, o acordo ao que chegou o Concello coa Xunta de Compensación estima que a futura bolsa de solo residencial incluirá un 10% de vivenda protexida, que pasará a ser patrimonio municipal, o que en termos prácticos suporá a creación de 100 VPO no barrio, unha medida que lle permitirá ao Goberno de Inés Rey dar continuidade ás liñas estratéxicas pautadas no Plan municipal de vivenda con vistas ao ano 2030.
Por outra banda, o convenio tamén incide na necesidade de crear itinerarios seguros e accesibles neste ámbito, que, pola súa situación, con diversos centros educativos da contorna, é clave en termos de mobilidade para a veciñanza de barrios como A Gaiteira, O Castrillón, Monelos e Eirís.
O convenio, así como o Plan especial ao que se incorporará, deberán ratificarse no Pleno. A conservación do antigo edificio do Concello de Santa María de Oza
O apoio ao novo ordenamento que inclúe o convenio rubricouse na asemblea da Xunta de Compensación que tivo lugar o pasado 29 de xullo, á que asistiron case un 82% das e dos integrantes da xunta. A meirande parte deles, máis dun 79%, votaron a favor do acordo, e algo máis dun 2% abstívose.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, puxo en valor “os avances experimentados nos últimos meses para sentar as bases deste proxecto integral de rexeneración urbana que permitirá, tras décadas de bloqueo, a recuperación dun ámbito histórico da cidade”, onde está situado o antigo edificio do Concello de Santa María de Oza, que viviu a súa fusión co Concello da Coruña no ano 1912.
O acordo establecido entre o Concello e a Xunta de Compensación estima a recuperación histórica e a reinterpretación do inmoble “un ben patrimonial que é fundamental para entender a evolución da nosa cidade e tamén para coidar a memoria histórica da Coruña”, expuxo Díaz Gallego, que subliñou o compromiso do Goberno de Inés Rey para recuperar e reinterpretar o inmoble, incorporando o mesmo na nova ordenación, un obxectivo compartido coa asociación veciñal do Castrillón.
Melloras na accesibilidade entre a rolda de Outeiro e Antonio Ríos
Outra das medidas destacadas incluídas no convenio entre o Concello e a Xunta de Compensación é a execución, por parte dos futuros promotores, dos traballos para conectar a rolda de Outeiro e a rúa Antonio Ríos mediante elementos electromecánicos.
O Goberno de Inés Rey estima que esta iniciativa é clave para garantir as melloras de accesibilidade necesarias no barrio do Castrillón, tanto pola propia configuración urbanística dazona, con pendentes moi pronunciadas, como pola propia pirámide poboacional do barrio, con moitas e moitos veciños en idades avanzadas.
Factores coma este foron os que propiciaron, por exemplo, que o Concello iniciase este ano as obras para conectar as rúas Pintor Villar Chao e Montes, entre A Gaiteira e O Castrillón, mediante dous ascensores. Os traballos, cofinanciados con fondos Next Generation, xa están en marcha.
Catro estudios de arquitectura, implicados no proxecto
Na remodelación e recuperación do API QA-28 do parque de Oza deseñado por Agrega, están a traballar catro estudios de urbanismo e arquitectura recoñecidos polo seu traballo a escala nacional e internacional, coordinados polos equipos locales da Xunta de Compensación Vento+Fernández Carballada.
Son Burgos & Garrido —que deseña e dirixirá a obra do novo mercado e centro de saúde de Santa Lucía—, Juan Herreros —que sentou as bases da estación intermodal de Santiago de Compostela e asinou o Museo Munch de Oslo, entre máis proxectos—, e os estudios Entreabierto e UrbanAlibi.