O centro iniciará o novo curso o día 5 de setembro con 21 nenas e nenos matriculados e 17 vacantes
As familias que poidan necesitar este servizo nos próximos meses poden solicitalo en calquera momento e sen esperas até completar a capacidade da escola
A escola infantil municipal A Rolada marcha de vacacións durante todo o mes de agosto ao non contar con solicitudes de ocupación mínimas para manter aberto o servizo. Retomará a súa actividade a primeira semana de setembro para iniciar o curso 2024-2025, que comezará con 21 nenas e nenos. A volta farase, como é habitual, de maneira progresiva para asegurar unha boa adaptación ao centro, sobre todo a do alumnado que empeza. Igual que o ano pasado, o novo curso botará a andar coas unidades de 0 a 1 e de 1 a 2 anos agrupadas, polo menos ata que se chegue ao mínimo de 10 pequenas e pequenos para volver dividilas.
As familias que xa teñan matriculadas as súas crianzas serán convocadas a unha reunión informativa que terá lugar no salón de plenos o martes 3 de setembro ás 19:00h. Ao longo do día seguinte manteranse as conversas individuais coas familias para coñecer con máis detalle calquera necesidade que teñan as crianzas, de cara a ofrecerlles unha atención o máis personalizada posible.
O período de adaptación comezará o xoves 5 de setembro cun primeiro día en que as pequenas e pequenos permanecerán na escola unha hora e media na compaña das familias. Nos seguintes días a presenza adulta irá reducíndose co obxectivo de que a incorporación ao centro sexa progresiva. A experiencia doutros anos indica que, salvo moi contadas excepcións, en pouco máis dunha semana as pequenas e pequenos xa están integrados con total normalidade no día a día da escola.
A EIM A Rolada comezará curso con 17 prazas dispoñibles, repartidas da seguinte maneira por unidades: 6 na de 0 a 1 ano, 7 na de 1 a 2 anos e 4 na de 2 a 3 anos. Desde a área de Igualdade recórdase que, aínda que o período de matriculación ordinaria xa rematase, as familias que precisen deste servizo poden solicitalo en calquera momento ata completar as 38 prazas de capacidade do centro. O trámite pode facerse a través da Sede Electrónica ou presencialmente no rexistro municipal achegando a documentación que tamén se pode descargar da Sede.