Friday 22 de November de 2024

Nenos e nenas de Boqueixón e Santiago participan nunha acción formativa de pesca sen morte na área recreativa de Sucira


A conselleira de Medio Ambiente, acompañada polos alcaldes de Boqueixón e Vedra, asistiu esta mañá á clase impartida por David Arcay, catro veces campión do mundo de pesca deportiva

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañou esta mañá a un grupo de vinte nenas e nenos de Boqueixón e Santiago durante unha formación na práctica da pesca sostible e sen morte celebrada na área recreativa de Sucira (Boqueixón) e que estivo impartida polo catro veces campión do mundo de pesca deportiva David Arcay. Un acto no que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; polos alcaldes de Boqueixón e Vedra, Ovidio Rodeiro e Carlos Martínez; e polos concelleiros José Luís Mareque, Ángela Conde e Iván Eirís.

David Arcay comezou explicando as especies que se atopan nos ríos galegos (especialmente troitas e salmóns no caso do Ulla), as normas para pescalas e como practicar a captura e solta, aprendendo a manipular os exemplares de forma que non sufran dano antes de ser devoltos ás canles fluviais. Esta modalidade de pesca, lembrou a responsable autonómica, contribúe a manter ou incrementar as poboacións das distintas especies favorecendo así a continuidade desta práctica deportiva no futuro. Ao mesmo tempo, incidiu, as formacións impartidas por David Arcay axudan a que os máis pequenos se animen a probar esta actividade deportiva e a impulsar a remuda xeracional.

Ángeles Vázquez agradeceu o labor formativo que realiza Arcay e puxo en valor a colaboración que mantén coa Xunta desde 2018 para divulgar e fomentar entre a mocidade os valores deportivos e medioambientais asociados á pesca fluvial. Con ela a rapazada aprende a protexer a fauna ictícola e o medio natural, practicar a pesca sen morte, empregar técnicas de captura menos lesivas e avanzar no coidado e respecto á natureza.

Formación

No marco desta colaboración, David Arcay impartirá este ano 16 xornadas divulgativas a arredor de 20 rapazas e rapaces en cada unha delas. Desas 16, un total de 12 serán teóricas (con charlas formativas sobre a materia) e catro teórico-prácticas, como a de hoxe en Boqueixón, onde os participantes aprenderán a realizar unha óptima solta dos peixes capturados, coñecerán as canas existentes para as distintas modalidades de pesca e practicarán con elas nunha completa exhibición de pesca fluvial.

Ángeles Vázquez destacou que este tipo de iniciativas contribúen a motivar ás nenas e nenos a practicar actividades de lecer na natureza e a realizar boas prácticas que axudan a conservala e protexela. Nesta liña, incidiu na transcendencia de concienciar aos distintos sectores sociais sobre a importancia de concibir a pesca fluvial como unha forma de aproveitamento sostible dos recursos naturais, pero tamén de coidado do medio ambiente e dos ecosistemas fluviais.

Estas accións chegarán este ano a preto de 340 rapazas e rapaces de entre 12 e 13 anos, aos que se suman os máis de 2.000 que participaron desde 2018 nestas actividades divulgativas.

Voluntariado

A comitiva oficial aproveitou tamén para saudar a un grupo do Voluntariado Xuvenil do Concello de Boqueixón, que está estes días realizando unha acampada na área recreativa de Sucira. Ovidio Rodeiro puxo en valor a solidariedade destes mozos e mozas, “que colaboran na organización de programas de conciliación como o Verán Activo, no que este ano temos a 118 nenos e nenas”.