Hoxe, mércores 31, tivo lugar a presentación dunha creación escénica en mostra aberta titulada Ping Pong, feita por Elas, grupo de artes escénicas da Asociación Ambar das persoas con Diversidade Funcional, e dirixida por Paula Quintas. A actuación tivo lugar na Praza da Porta do Sol de Ribeira.
Angy Devesa, Montse Queiruga, Carmen Pérez, Paula Ramallo, Merce Río e Noelia Argibay son as integrantes do grupo Elas que hoxe expuxeron esta mostra á comunidade. O grupo Elas conta cunha importante traxectoria. Comezaron no 2015 e contan con obras recoñecidas como As Paisaxes de Camille, dirixida por Helena Salgueiro ou A Serea Mariña a cal crearon con Fran Sieira.
Hoxe comparten ca comunidade Ping Pong. Esta creación, segundo palabras da directora, simboliza unha conversa, un algo que vai e un algo que volve. Trátase dun traballo corporal dende a abstracción do movemento vinculado con obxectos, a través do cal se xerou esta práctica escénica, entendida como unha mostra.
Xunto con Elas e Paula Quintas pecharon esta mostra Milagros Rey, presidenta de Ambar, quen agradeceu ó Concello a facilitación do espazo para poder facela posible; e Antía Alberte, Concelleira de Cultura. “É importante darlle visibilidade a todo tipo de colectivos, e como sabedes, Ambar organiza actividades durante todo o ano, por tanto consideramos importante incluílas como parte da programación cultural.” Afirmou Antía Alberte.