Esta mañá presentouse no Parque Periurbano de San Roque en Ribeira a V edición do festival Paisaxes Sonoras, o festival de Barbanza Arousa.
Participaron na presentación Luís Pérez Barral, presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa e alcalde de Ribeira; Patricia Lojo, concelleira de Cultura da Pobra do Caramiñal; María Outeiral, concelleira de Cultura de Boiro; Julio Alcalde, concelleiro de Cultura de Rianxo; Francisco Suárez-Puerta e Antía Alberte, concelleiros de Festexos e de Cultura de Ribeira respectivamente e Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa.
O festival estenderase entre os dias 23 e 25 de agosto de forma itinerante entre os 4 concellos de Barbanza Arousa. Nesta ocasión os artistas serán o dia 23 de agosto ás 20:00 horas Abraham Cupeiro en Boiro, o dia 25 de agosto as 12:00 horas Uxía e Ruibal en Ribeira e ás 20:00 The Rapants na Pobra do Caramiñal e, finalmente o dia 25 de agosto ás 12:00 horas Xurxo Fernandes e Pan sen Fron en Rianxo.
Igual que nas anteriores edicións, este festival realízase en cooperación coas concellerías de cultura e festexos dos catro concellos e as localizacións serán 4 espazos culturais e naturais de gran potencial turístico do destino. O Pazo de Goiáns en Boiro, o Pazo de Rianxiño en Rianxo, O Parque Periurbano de San Roque en Ribeira e o Miradoiro de Cabío na Pobra do Caramiñal serán os lugares emblemáticos deste festival.
Esta edición, ademais, estará marcada por unha triple fusión entre natureza, música e enogastronomía, con actividades como degustacións e visitas guiadas que se desvelarán proximamente.
A partir de hoxe están as entradas á venda no portal Ataquilla, sendo únicamente abonos para os 4 concertos, cun custe de 20 euros máis gastos de xestión.
“Barbanza Arousa é un destino con moitas potencialidades turísticas e culturais; con paisaxes cheas de encanto, elementos culturais e gastronomía de primeira orde. O evento PAISAXES SONORAS pretende poñer en valor esa paisaxe tan característica do noso territorio, dando a coñecer recursos singulares coma este no que nos atopamos, o Parque Periurbano de San Roque” manifestou Luis Pérez Barral, presidente da Mancomunidade, que aprobeitou tamén para convidar a veciños, veciñas e visitantes a desfrutar desta cita cultural e turística que ano tras ano se está consolidando no destino.