Celébrase desde o pasado luns e ata o venres no campo A Porta Santa de Paiosaco.
As actividades culturais e deportivas do programa municipal de verán están a ter unha excelente acollida desde que comezaron a desenvolverse a primeiros de xullo.
A proposta que ata o momento conta cun maior número de participantes é o campus de fútbol, que este ano alcanza a súa 16ª edición con máis dun centenar de rapaces.
A actividade principiou o pasado luns e rematará o venres. Estase a realizar integramente no campo A Porta Santa de Paiosaco debido ás obras de renovación do céspede no Municipal da Laracha. Para poder establecer os grupos de idade, os máis novos (5 a 9 aos) levan a cabo a actividade de 10:00 a 12:00 horas e os máis maiores (10 a 15 anos), de 12:00 a 14:00 h.
Os participantes realizan, baixo a supervisión de técnicos e monitores especializados, diferentes exercicios lúdico-deportivos sempre coa práctica do fútbol como marco referente. Ademais de divertirse e aproveitar o tempo de lecer durante as vacacións, tamén están a mellorar as súas calidades físicas, técnicas e tácticas.
No día de hoxe os dous grupos do campus de fútbol recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Deportes, Patricia Bello.