Friday 22 de November de 2024

O PXOM de San Sadurniño, “estancado” en Augas de Galicia, segundo o Goberno local


Prosegue a espera polos últimos informes sectoriais que permitirían aprobar provisionalmente o planeamento urbanístico de San Sadurniño. Uns informes que debe emitir Augas de Galicia, o organismo que, segundo o Goberno local, “está estancando o PXOM en vez de facilitar a súa tramitación”. Así o denuncia o alcalde, Secundino García Casal, quen mantivo o pasado 24 de xullo unha reunión co director da entidade pública empresarial, Roi Fernández Añón, para coñecer o estado en que se encontra o expediente. Porén, no canto de avanzar, a cousa “parece que aínda se vai ralentizar máis”, posto que este mesmo luns o Concello recibiu un novo requirimento de documentación por parte de Augas de Galicia.

“O que está pasando cos informes do planeamento urbanístico de San Sadurniño é de traca”, asegura o alcalde ao tempo que recorda que o tema leva en Augas de Galicia “desde 2016 en que lle solicitamos por primeira vez os informes sectoriais, aínda que non foi ata tres anos máis tarde, en 2019, cando empezaron a requirirnos documentación que se foi presentando puntualmente, referida á información sobre a dimensión do sistema de captación e abastecemento municipal previsto no plan para atender as demandas a medio e longo prazo”.

Segundo o rexedor, os últimos documentos, solicitados por Augas de Galicia en novembro de 2022, rexistráronse na entidade pública o 16 de xaneiro de 2023. “Transcorrido máis de ano e medio sen saber nada ao respecto, o 24 de xullo reunímonos co novo director da entidade, Roi Añón, co obxectivo de que o expediente se resolva coa maior celeridade, xa que a demora está retrasando o último informe que nos falta para poder aprobar provisionalmente o plan xeral. O director pediunos que llo comunicasemos por escrito, e así o fixemos, e comprometeuse a ver en que situación se encontraba a documentación para axilizala no posible”.

A sorpresa do Executivo local foi maiúscula este luns, cando o Concello recibiu unha nova comunicación de Augas de Galicia en resposta ao escrito acordado con Añón. Na misiva, segundo o alcalde, “vólvennos pedir cousas que xa están mandadas desde hai ano e medio e outras totalmente novas que deberemos estudar, preparar e enviar, sen garantías sobre cando nos van dar unha resposta. Con Augas de Galicia é o conto de nunca acabar e, mentres, a aprobación do PXOM estancada desde hai anos”, lamenta Secundino García.

Os requirimentos de Augas de Galicia, sobre os cales o ente público recoñece ter recibido documentación complementaria “en 2016, 2021 e 2023”, refírense á concesión de algo máis de 100.000 m³ anuais de caudal de captación procedente dos mananciais do Albeiro, Portolamas e do bombeo da Pernuda. “Non nos queda outra que remitir toda a documentación que nos están pedindo, aínda que algunha xa a teñan, e cruzar os dedos para que desta vez Augas de Galicia entenda que está todo. É triste, pero é así. Só agardamos que o PXOM poida, por fin avanzar despois de tanto tempo atascado en Santiago”.