Friday 22 de November de 2024

Neda adxudica o servizo municipal de limpeza viaria á única empresa aspirante


O Concello investirá finalmente algo máis de 48.000 euros anuais no contrato, dous mil euros por debaixo do orzamento de licitación

A firma Vázquez Garzón SL. seguirá sendo, cando menos durante os próximos dous anos, a encargada de levar a cabo o mantemento da limpeza viaria en Neda. A empresa foi a única que presentou oferta para facerse co contrato deste servizo municipal, destinado a conseguir que as rúas da localidade estean limpas e presenten un aspecto coidado.
O Concello vén de adxudicar por 48.290 euros anuais este contrato, que se licitaba a finais de maio cunha inversión máxima de 50.325 euros cada doce meses . Por tanto conseguiuse unha baixa que supera os dous mil euros.
A adxudicataria contará con dous traballadores/as para ocuparse do conxunto de tarefas recollido nos pregos. Así, será misión destes peóns de Vázquez Garzón SL. O barrido das rúas; a eliminación de malas herbas, maleza e follas caídas; a retirada dos desperdicios; a limpeza das vías nas que se realicen tarefas de mantemento ou o baleirado e reposición das bolsas da totalidade das papeleiras existentes nas zonas de actuación contempladas no contrato, cunha duración de dous anos, prorrogable por outros dous.
A ámbito de actuación abrangue o casco antigo e as principais rúas do núcleo urbano, a avenida de Xubia, a AC 115 ata a altura do acceso a AP-9, as rúas Victorino Novo e Camiño Vello, a contorna de Albarón e, finalmente, a rúa Xerardo Luaces.