Thursday 21 de November de 2024

Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria Mércores 31 de xullo


A Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria composta pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, a concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montserrat Paz, e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, ademais de técnicos municipais das diferentes áreas, fixo seguimento este mércores do estado actual da recollida de lixo, así como das incidencias vandálicas que se están a producir.
Desde o pasado 24 de xuño, no San Xoán, produciuse a queima de 149 contedores nos diversos distritos da cidade, actos vandálicos que, ademais de implicar uns custos de case 400.000 euros para as arcas municipais, tamén están a supoñer afectacións e danos a bens patrimoniais das veciñas e veciños, como vehículos particulares e incluso un inmoble.

Denuncia dos feitos ante a Fiscalía

No día de hoxe o Concello presentou un escrito ante o Fiscal Xefe da Fiscalía Provincial da Coruña asinado pola alcaldesa, Inés Rey, no que se denuncian os feitos relacionados coa situación de insalubridade e a folga do lixo por se fosen constitutivos de delito. O Concello pide deste xeito que se investiguen os actos vandálicos derivados deste conflito e tamén a folga convocada, xa que pese a non ter ningún seguimento por parte da plantilla, esta tampouco está a realizar o traballo con normalidade.

Evolución da recollida polo servizo de emerxencia

Na súa sexta xornada a pé de rúa, a empresa de emerxencia que reforza a recollida de residuos na cidade, Valoriza, recolleu un total de 59 toneladas de lixo, sen incidencias.
Desde a posta en marcha da recollida de emerxencia dos residuos acumulados nas rúas, os operarios de Valoriza xa recolleron un total de 329 toneladas de lixo.

Balance de incidencias na pasada xornada

Na pasada quenda de noite rexistrouse unha incidencia asociada á queima de contedores. Foi na rúa Burdeos, pasadas as 2.00 horas da pasada noite. O incendio afectou a dous colectores de lixo e a unha gran cantidade de bolsas que se encontraban pegadas ao peche dunha vivenda e a varias árbores.
Folga indefinida

No terceiro día de folga indefinida, segundo confirma a concesionaria, ningunha persoa traballadora secundou o paro, ao igual que na primeira e na segunda xornada. Malia non haber ningún traballador en folga, as rúas permanecen con acumulacións de lixo sen recoller.
Porcentaxes de recollida da empresa adxudicataria da pasada noite, por zonas
Así foi, na pasada madrugada, o balance de recollida de lixo por parte da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, Prezero.
Monte Alto: 20%
Cidade Vella: 10%
Pescaría – Centro: 95%
Os Rosales – Labañou: 15%
Estadio: 60%
Ventorrillo – Agra do Orzán: 45%
Sagrada Familia: 0%
A Sardiñeira – Elviña: 0%
Os Mallos: 0%
O Castrillón: 0%
Os Castros: 0%
Matogrande – Eirís: 10% Mesoiro – Feáns – Valaire: 30%