A implicación dos obradoiros de memoria do Concello de Oleiros en Alfaroleiros vai ter este ano forma de tapas. Están a preparar dúas das que farán 300 unidades para repartir entre as persoas que acudan á feira o sábado día 10 de agosto.
A actividade parte das experiencias previas do grupo de Cociña e Barro enmarcado dentro das actividades envellecemento activo para maiores de 65 anos, que ten no Alfar das Torres de Santa Cruz un dos seus escenarios principais. As persoas participantes fixeron unha grande recollida de distintas tapas durante os meses de xaneiro a xuño, que foron cociñadas para participar nun posterior concurso no que gañaron dúas: mexillóns tigre e garavanzos con bacallau.
O traballo para a elaboración das pezas de barro para presentar as tapas gañadoras comezou o pasado 10 de xullo coa confección dos moldes de xeso para facer os pratos; o 17 de xullo fixeron todas as pezas necesarias e o 24 de xullo realizaron a decoración e esmaltado para ter todo listo para o 10 de agosto. Os xantares prepararanse a véspera, o 9 de agosto, nas cociñas que ten o Concello no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo.
As persoas que asistan á demostración de Alfaroleiros non só poderán degustar as tapas, senón levar consigo o pratiño e unha folla coas receitas dos dous petiscos, tamén elaborada polas persoas participantes.