Friday 22 de November de 2024

A Autoridade Portuaria da Coruña comprométese a realizar un importante investimento no Faro do Roncudo e na súa contorna para poñer en valor a súa importancia patrimonial


 O alcalde, José Manuel Mato, reuniuse co presidente da entidade provincial, que se comprometeu a encargar o proxecto para mellorar a zona

 Nese documento tamén se incluirá a mellora da vía de comunicación que une o faro co núcleo de Corme, facilitando o acceso e a circulación, ademais de incrementar a seguridade na zona

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, recibiu no día de onte ao presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández, para visitar o Faro do Roncudo e a súa contorna.
O rexedor recibiu o compromiso do dirixente da entidade provincial de realizar un importante investimento no faro e na súa contorna, co obxectivo de poñer en valor unha zona privilexiada e subliñar a importancia patrimonial que ten o Faro do Roncudo para Ponteceso, a Costa da Morte e Galicia.
Así mesmo, Fernández indicou que nese proxecto tamén se incluirá a mellora da vía de comunicación que une o faro co núcleo de Corme, facilitando o acceso e a circulación, ademais de incrementar a seguridade na zona.
Segundo indicou o alcalde, José Manuel Mato, “trátase dunha nova moi importante, pois o Faro do Roncudo é un dos maiores valores patrimoniais do noso municipio, que ao longo de todo o ano atrae a milleiros de visitantes ata a súa localización”.
O rexedor valorou positivamente “o compromiso da Autoridade Portuaria, que amosou a súa predisposición de realizar este proxecto no que se inclúe tamén a mellora das comunicacións que unen o faro con Corme, axilizando a circulación e incrementando a seguridade tanto para a veciñanza como para os turistas que se achegan a observar o lugar”.
Por último, Mato quixo agradecer “a Martín todo o seu compromiso e o interese amosado en todas as cuestións e inquedanzas plantexadas á hora de mellorar toda esta zona”.