Este sábado arrinca a edición LIII do Torneo de Fútbol Concello de Oleiros masculino, unha das competicións máis antigas de fútbol afeccionado de todas cantas se celebran na comarca. O III Torneo de Fútbol Concello de Oleiros feminino tamén se disputará no mes de agosto, a partir do día 17. En ambos casos, a gran final será o sábado 31 de agosto no Campo Municipal Nano García de Iñás.
Como todos os anos, e con carácter rotatorio, o Concello asina un convenio de colaboración coas entidades participantes para a organización do campionato municipal, que supón un investimento de 14.458 euros, dedicado principalmente aos premios económicos dos clubs participantes.
Os equipos participantes en categoría masculina son: Mercurio, Atlético Perillo, Unión Campestre, Cristo Rey e Santa Cruz –grupo A-: e Marino, Atlético San Pedro, Obrero, Dorneda e Hércules –grupo B-. Os equipos femininos son: Obrero, Unión Campestre, Santa Cruz e Atlético San Pedro.
Abrirá o campionato este sábado ás 20:30 horas o Unión Campestre – Cristo Rey (O Redondo). O domingo, tamén ás 20:30 horas, xogaranse os encontros Mercurio-Atlético Perillo (Nano García), Marino–Atlético San Pedro (A Marola) e Obrero-Dorneda (Eugenio Pardo Conchado). Nesta primeira xornada descansan Santa Cruz e Hércules.