· A obra da pista supón un investimento de algo máis de 67.000 euros, mentres que á senda de acceso á zona recreativa destinaranse case 36.500.
O Concello de Bergondo investirá máis de 103.000 euros na renovación da pista polideportiva de Ouces e a área recreativa de Lubre. Estes dous proxectos, que están en concurso público ata mañá, supoñerán unha mellora nas infraestruturas deportivas e de lecer municipais.
O primeiro dos proxectos, referente á pista de Ouces, supón un investimento de 67.065,65 euros e contempla unha nova pavimentación da cancha, ademais da reparación do peche actual e dotarase á instalación dunha iluminación da que hoxe en día carece.
En canto ao área recreativa de Lubre, prevese unha mellora no acceso, focalizándose en incrementar a seguridade viaria de fronte ao peón, xerando unha plataforma única na que compartirán espazos o tráfico peonil e rodado, dando prioridade á seguridade do primeiro coa creación dunha senda. Ademais, proxéctase a instalación de bolardos para evitar a invasión dos coches na senda. Toda esta actuación ascende aos 36.411,29 euros.
Estas dúas actuacións perseguen o obxectivo de fomentar os hábitos de vida saudable entre os bergondeses e bergondesas, promovendo tanto a práctica deportiva como os desprazamentos a pé entre diferentes puntos do municipio.
O goberno municipal de Bergondo destaca “a necesidade destas actuacións en dúas instalacións moi utilizadas polos veciños e veciñas de Bergondo, especialmente durante a época estival”.