Thursday 21 de November de 2024

‘Horta da Laracha’ porá en valor os produtos e o labor dos profesionais do sector cunha programación chea d música, espectáculos de río, obradoiros e degustacións


Ofreceranse tres espazos diferenciados (Horta, Lecer e Miúdo) e anímase a desfrutar das actividades en familia

Horta da Laracha celebrará nesta fin de semana no campo da feira de Paiosaco a súa sétima edición cunha programación innovadora, completa e dirixida a todos os públicos. O Concello promove este evento co patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña co obxectivo de poñer en valor tanto o labor dos profesionais do sector como o dos propios produtos para potenciar o consumo de temporada e proximidade.
Horta da Laracha vaise dividir en tres seccións. Por unha parte estarán as casetas que o Concello pon a disposición de asociacións e empresas de referencia no sector hortícola da zona, así como daqueles que aportan valor aos produtos agrícolas. Eles son a razón de ser do programa e formarán o chamado Espazo horta no que se farán exposicións, venda de produtos e degustacións de aperitivos saudables nunha food truck. A nivel institucional estarán presentes os stands do Concello da Laracha e do Polo de Emprendemento da Costa da Morte. Como produtores haberá once postos, os de Horta das Táboas, Asociación A Terriña, Horta Bertoa, Ramisquido & Medoña, Verduras Chelín, Asociación Horta do Noroeste, Sementares, Patacas de Coristanco Nela, Love Green Project, Verxel Galego e Apropaco. E tamén terán o seu lugar outras iniciativas como Mel Dévalo, Acastrexa, Lutega, Orballo, Os Biosbardos e Rodolfus Viños das IXP de Galicia e a Fundación Galicia Sustentable.
O Espazo Lecer acollerá as actividades festivas, culturais, musicais e educativas dirixidas a todos os públicos, polo que se anima á cidadanía a gozar de Horta da Laracha en familia. E o Espazo Miúdo irá dirixido aos público infantil.
A programación do sábado 3 de agosto principiará ás 10:30 horas co acto inaugural, que dará paso á apertura das casetas da feira no Espazo Horta.
O Espazo Lecer ofrecerá mostras de artesanía e obradoiros de sustentabilidade con temáticas relacionadas co tratamento do coiro, a elaboración de biofertilizantes a partir da xestión de residuos e apicultura. No showcooking empregaranse produtos de horta e poderanse degustar viños e licores derivados da pataca. A xornada rematará coa actuación musical da banda de rúa Os Bregadiers (21:00).
No Espazo Miúdo os máis pequenos desfrutarán do concerto de Brais das Hortas (13:00) e un obradoiro de elaboración de bebidas aromatizadas, batidos e infusións con froitas (18:30).
O domingo 4 de agosto, coincidindo coa primeira feira de Paiosaco de agosto, a apertura do Espazo Horta será ás 9:30 h.
E o Espazo Miúdo contará con tres propostas: o concerto do Trío Detrés (13:00), un showcooking de xeados creativos (18:30 h) e o espectáculo teatral de rúa de Don Gelati (19:30 h).
A programación no Espazo Lecer inclúe mostras de artesanía, obradoiros de ensaladas con lamberetadas de verduras e hortalizas, charla-coloquio sobre sementes de variedades hortícolas autóctonas, showcooking idéntico ao da xornada anterior e o concerto de Fanfarria Taquikardia ás 21:00 h co que se porá o punto e final a Horta da Laracha.
O programa ao completo de Horta da Laracha está dispoñible para a súa consulta na web alaracha.gal e nas redes sociais municipais.