Sunday 24 de November de 2024

O Goberno de Alternativa dos Veciños analizará os incumprimentos no contrato de transporte ante unha posible prevaricación


A moción que se aprobará no pleno municipal reclama a restitución inmediata de todas as liñas suprimidas no Concello de Oleiros

A decisión da Xunta de Galicia de non rectificar nas súa errónea decisión de suprimir 46 servizos de autobús será analizada polos servizos xurídicos do Concello de Oleiros para emprender posibles acción legais de existir incumprimento de contrato. Así o vai aprobar esta tarde o pleno municipal, a proposta do Goberno de Alternativa dos Veciños.

A Xunta de Galicia está a amosar unha incompetencia total e unha indignante lentitude para resolver o problema que eles mesmos crearon. Pasado máis dun mes, durante o que se lle crearon graves problemas a milleiros de cidadáns polo lamentable funcionamento do servizo, a Xunta, en lugar de recuperar todos os servizos eliminados, decidiu seguir na liña dos recortes e o anunciado “reaxuste” e “reforzo” supón a eliminación de 46 liñas, respecto ás que había antes do 22 de xuño. Unha decisión unilateral que para nada ten que ver coas propostas do Goberno municipal de recuperar a totalidade dos buses eliminados e reorganizar os horarios para mellorar o servizo.

Os mesmos políticos que ensalzan continuamente a mobilidade sostible e o fomento do transporte público, están a demostrar cos seus actos e decisións que actúan en contra do que din. Nestas últimas semanas o Goberno galego eliminou autobuses, non permitiu que o urbano 1-A da Coruña conectase con Santa Cristina e o que é máis grave, teñen paralizada a conexión da vía Ártabra coa AP-9 desde hai 3 anos –sine die para a seu reinicio-. Os feitos demostran que desde Santiago estase a estrangular a circulación de Oleiros co obxectivo, claro está, de manipular a realidade e intentar desgastar ao Goberno municipal.

Coa moción de Alternativa dos Veciños o Concello volverá urxir á Xunta de Galicia a recuperar de inmediato a totalidade dos servizos e liñas de transporte eliminadas no Concello de Oleiros desde o pasado 22 de xuño e reestruturar aqueles horarios que se poidan solapar; e incrementar as frecuencias, cando menos en horas puntas, para reforzar así o servizo nas franxas que máis demanda existe para o conxunto da poboación.