Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño quere  mercar a nave de Servizos co financiamento autonómico para rehabilitación e conservación de edificios municipais


  • O consistorio ten alugado o inmoble desde hai 25 anos e pretende acceder aos créditos do Fondo de cooperación para converterse en propietario da coñecida como “nave de Carnero”
  • A compra da edificación e da finca cuantifícase en 150.000 euros 
  • Unha vez acceda á propiedade, o Concello pretende remodelar a nave e o terreo para mellorar a súa funcionalidade e integración na contorna
  • O asunto tratarase no pleno ordinario convocado para as 19:30h do xoves

 

O Concello de San Sadurniño tratará no pleno ordinario deste xoves 1 de agosto concorrer ás liñas de crédito do Instituto Galego da Vivenda e Solo para rehabilitación e conservación de patrimonio construído en municipios de menos de 50.000 habitantes. Unha convocatoria financiada co Fondo de cooperación que ofrece, entre outras, a posibilidade de mercar edificacións para reparalas e destinalas a usos públicos. Neste sentido, San Sadurniño pretende aproveitar a axuda en forma de crédito sen xuros para mercar en 150.000 euros a nave de Servizos e Obras -a coñecida como “nave de Carnero”-, alugada desde hai uns 25 anos. A idea do consistorio é converterse en propietario de cara a poder acometer unha mellora integral das instalacións e da súa contorna.

A nave en cuestión está situada no Outeiro, con acceso desde a estrada de Ferreira. Son 924 m² construídos nunha finca de 9.752 metros de superficie. O edificio principal ergueuse en 1985 para albergar un criadoiro de polos, actividade á que se dedicaría durante varios anos ata ficar baleira.

O Concello interesouse logo polo inmoble como base operativa do departamento de Servizos e Obras e, nese sentido, subscribiu hai arredor de 25 anos un contrato de alugueiro co propietario, xa falecido. Desde que se iniciou o arrendamento as instalacións da nave utilizáronse como almacén de ferramentas, mobiliario urbano e outros materiais, ademais de ser o lugar onde se atopan os vestiarios do persoal da brigada de obras e onde quedan estacionados os camións e tractores municipais.

A intención do consistorio é converterse en propietario da nave co obxectivo de “poder levar a cabo as actuacións necesarias para poder integrala esteticamente na contorna e poder realizar outras modificacións estruturais que a fagan máis funcional”, apunta o alcalde, Secundino García, resumindo as motivacións da proposta que se presentará no pleno municipal no serán deste xoves.

Malia que o Concello “dispón de fondos suficientes para a adquisición” o Executivo local optou por recorrer ao financiamento sen intereses que propón o IGVS a través do Fondo de cooperación autonómico. O prezo do inmoble ascende a 150.000 euros que, unha vez obtida a liña de crédito, se volverían nun prazo de oito anos, no período comprendido entre 2025 e 2031 a razón de 18.750€ cada ano.

“A solicitude da axuda financieira é polo mesmo importe da compra, que se devolvería en oito prazos sen intereses. Para o Concello é moito máis cómodo e asumible, sobre todo se máis adiante tivésemos que dedicar fondos propios á rehabilitación da nave e da finca”, explica o alcalde aludindo ao feito de que “o principal obxectivo” é adecentar as instalacións e os seus arredores “tamén para ofrecer unha mellor imaxe do Concello”.

A proposta xa foi tratada na comisión informativa previa ao pleno co apoio dos tres grupos con representación municipal. O xoves á tarde votarase, polo tanto, a participación municipal na convocatoria do Fondo de cooperación para acceder ao financiamento necesario e, en segundo lugar, a aprobación da memoria onde se describe o destino do importe solicitado.

Festivos locais de 2025: Martes de Entroido e Santa Isabel
Alén deste tema, sen dúbida o de maior trascendencia municipal da tarde, a sesión convocada para as 19:30h tamén abordará a aprobación dos días inhábiles de 2025, que serán o 4 de marzo -Martes de Entroido- e o 2 de xullo -Santa Isabel-.

Tamén se debaterá unha moción en rexeitamento da suba do canon de SOGAMA na que, ademais, se demandará da Xunta un novo modelo de xestión dos residuos.

Ao tratarse dun pleno ordinario (adiado desde o xoves pasado por cadrar no festivo do Día de Galicia), a orde do día tamén inclúe os apartados de mocións, rogos e preguntas. Poderá seguirse ao vivo, coma sempre, a través de Youtube e Facebook.