Friday 22 de November de 2024

O mes de agosto trae consigo viaxes en catamarán a Sálvora, na ruta Starlight, e a Ons con saída dende A Pobra


O programa de viaxes en catamarán ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas con saída dende A Pobra do Caramiñal chega ao seu ecuador no mes de agosto. Trátase dunha das propostas que integran a axenda estival A Pobra do Caramiñal, vive a experiencia… que oferta a Concellaría do Turismo con diferentes alternativas de ocio para veciñanza a visitantes, poñendo o foco no mar e na serra.

No 3 de agosto regresarase a Sálvora, pero, nesta ocasión, para vivi-la experiencia Starlight, que posibilita observa-las estrelas dun ceo sen contaminación lumínica, ademais de coñecer de preto esta illa durante a tarde-noite.

E tamén se volverá poñer rumbo a Ons cunha nova singradura no 11 de agosto.

As saídas chegarán ao seu fin no 1 de setembro co retorno a Cíes.

Tódalas elas inclúen ruta guiada. O prezo para Cíes e a Starlight de Sálvora sitúase nos 34 euros por persoa adulta, mentres que para Ons baixa ata os 30 euros. No que respecta a crianzas entre 4 e 12 anos, o importe a pagar establécese nos 18 euros en tódalas viaxes.

Como de costume, as reservas formalizaranse a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986320048. Para a resolución de dúbidas tamén están ao dispor os teléfonos do Departamento do Turismo: 671090262 e 687482835.