Hai saída da violencia de xénero: esta é a clara mensaxe que expresa a escultura Como Agua, de Isabel Soler Rivas, que se inaugurou nos Xardíns de Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal no 28 de xullo, amenizado por Esperanza Mara. Un acto de homenaxe a tódalas vítimas promovido pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal para amosar unha clara postura de repulsa á violencia machista e apoio a tódalas mulleres que sofren esta eiva social en tódalas súas formas: física, psicolóxica, vicaria, sexual, económica… E a máis grave de todas: o feminicidio.
Por iso, tamén hai unha placa en recordo a todas elas cos nomes gravados de María Rocío Feijóo e Diana Quer, dúas rapazas de 18 anos cuxas vidas foron truncadas na vila en circunstancias similares con 34 anos de diferenza. Optouse, polo tanto, por convidar á familia de ámbalas dúas, se ben non foi posible contactar coa de María Rocía Feijóo, e por parte de Diana Quer asistiron seu pai, Juan Carlos Quer, e súa irmá, Valeria.
Tanto o alcalde, José Carlos Vidal, como a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, pronunciáronse sobre a necesidade de implicar a toda a cidadanía na loita contra a violencia de xénero e en acada-la igualdade; onde tamén ocupan un papel fundamental as Administracións para artella-los mecanismos necesarios coa finalidade de detectar e actuar fronte a esta problemática.
A peza representa a unha muller que sae do papel da denuncia, do proceso xudicial ou dese papel imposto pola sociedade que xa a enmarca previamente polo seu xénero e sexo para se introducir nunha auga renovadora, implicándonos a todas e todos, a través no noso reflexo, na construción dun novo e equitativo papel da muller na sociedade.
Confeccionada en aceiro mariño puído nun espello, a obra consta de dous bloques. Un consiste nunha prancha de aceiro co formato folio, instalada verticalmente, coa marca dunha dobrez na metade. No seu interior recórtase a silueta dunha muller núa, que deixa o oco do seu corpo na dita prancha, da cal se independiza cun esbozo de movemento cara á auga, representada no outro conxunto. Este consta de tres formas rectangulares volumétricas, que emulan as ondas da auga, ben do mar, ben dun río.
A proposta Como Agua foi a mellor valorada polo xurado do concurso do concurso ideas convocado para a concepción da talla cunha dobre óptica: artística e reivindicativa.