Friday 22 de November de 2024

O plan da Xunta para “protexer” o monumento natural de Dexo e Serantes permitiría facer prácticas militares


O Plan Especial de Protección do Monumento Natural da Costa de Dexo e Serantes impulsado pola Xunta é máis un pasaporte á degradación do lugar que un documento serio para a protección co ecosistema. O Concello recorrerá e alegará a este documento por atentar contra a vida natural e ser contrario ao Plan Xeral de Ordenación Municipal e á máis razoable versión do que debe ser un espazo natural protexido.

A Xunta pretender reducir a superficie protexida, permitiría entrar nas furnas nas que se desenvolve a vida de milleiros de aves mariñas e posibilitaría tamén prácticas militares. Toda unha declaración de desprezo ao medio natural e aos valores xenuínos deste espazo ártabro de gran valor ambiental.

Esta paraxe natural está protexida polo Concello desde o ano 2000 a través do Plan Xeral de urbanismo, logo de defendelo ante o Ministerio de Defensa, que quería declarar urbanizable parte do seu ámbito. Tras a súa inclusión na rede europea Natura como Monumento Natural, a Xunta asumía o compromiso da súa xestión e mantemento dun ámbito que abrangue desde o Faro de Mera ao Porto de Lorbé. Esta colaboración nunca existiu. O único esforzo da Xunta foi financiar parte dun tractor para manter os accesos.

Agora, no plan para a xestión do Monumento, a Xunta pretende reducir o ámbito protexido, se ben a práctica totalidade do espazo xa está protexido pola normativa municipal de uso do territorio.

Segundo recollen as intencións autonómicas, a protección da Xunta faría pouco máis que prohibir as pintadas e os altavoces. Porén, non prohibe á escalada desde a costa, a entrada nas furnas onde se produce a vida reprodutiva de milleiros de aves, polo que resultan un delicadísimo ecosistema que debe protexerse da acción humana.

A permisividade da Xunta abrangue tamén ás prácticas militares no ámbito costeiro, entre A Marola, O Marolete, Marola Pequena, Monte Meán, O Corval e a Cova do Ladrón, que poderían utilizarse por exemplo como zonas de tiro, algo completamente fóra de lugar nun ecosistema marítimo costeiro protexido coma este.