Monday 02 de December de 2024

A Deputación inviste en Brión máis de 950.000 euros a través do Plan Único


A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, e o alcalde, Pablo Lago, visitaron as obras na Telleira acompañados dos deputados provinciais Xosé Penas e Antonio Leira

A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, visitou esta mañá o concello de Brión, acompañada dos deputados provinciais Xosé Penas e Antonio Leira, onde se reuniron co alcalde, Pablo Lago Sanmartín, e con parte da corporación municipal. Trala xuntanza, aproveitaron para visitar as obras de mellora dos accesos á aldea de A Telleira, na parroquia de Bastavales e nas que se investiron un total de 95.420 euros financiadas a través do Plan Único.

O alcalde brionés explicou que estas obras “melloran a seguridade viaria dos veciños e veciñas, tanto peóns como condutores, xa que non só incluíron a mellora da capa de rodaxe da estrada senón tamén a súa ampliación e a construción dunhas cunetas formigonadas nunha zona que carecía delas, o que obrigaba á veciñanza a camiñar pola calzada”. Un punto no que coincidiu a deputada provincial, quen destacou que estas obras permitiron a mellora da seguridade viaria da veciñanza. “Ese é, precisamente, o obxectivo do Plan Único, que ademais cobra especial importancia en pequenos núcleos de poboación como esta parroquia de Brión”, salientou Cristina García.

Obras na Telleira

O Concello de Brión actuou sobre un tramo de 350 metros de estrada municipal, concretamente dende a marquesiña do autobús ata o remate das vivendas. Os traballos incluíron a construción dun tramo de 120 metros de cunetas formigonadas por ambas marxes do viario, mentres que nos restantes 230 metros se fixeron unicamente na marxe sur. Unhas cunetas construídas con zahorra, formigón e cun bordo de delimitación para mellorar a seguridade dos peóns e separalos do tráfico de vehículos.

Baixo esta cuneta instalouse unha rede de 480 metros para canalizar as augas pluviais, que inclúe 16 arquetas con sumidoiro e 3 arquetas de formigón con reixa. Así mesmo, procedeuse á limpeza de gabias e salvagabias para garantir a correcta drenaxe das augas e mellorouse a capa de rodaxe con 5 centímetros de aglomerado en quente, previo arranxo de fochancas con grava e un tratamento asfáltico semiprofundo. Os traballos completáronse coa correspondente sinalización horizontal da estrada, con pintado de liñas de borde e símbolos.

Plan Único na comarca

Así mesmo, a deputada presentou os investimentos do Plan Único da Deputación no municipio durante este exercicio: 950.952,51 euros, que inclúen os 515.980,81 euros iniciais e os 434.971,70 euros adicionais. Un importe que forma parte do total destinado á comarca de Santiago de Compostela (Brión, Ames, Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra), que alcanza os 9.479.512,93 euros.

“O Plan Único está pensado para que os gobernos municipais invistan os fondos públicos naquelas obras e servizos que consideran prioritarios”, apuntou Cristina García. “Deste xeito os concellos gañan en autonomía e eficiencia e, sobre todo, na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas”, engadiu.