O 6 de maio deu comezo a formación vinculada ós certificados de profesionalidade de “Operacións básicas de cociña” e “Operacións básicas de Catering, destinada a persoas con diversidade funcional e que se desenvolveu nas instalacións do Mercado Municipal cedidas polo Concello de Ribeira.
Nos últimos días da fase de formación teórica tiveron a oportunidade de colaborar co Proxecto Sálvora 2024, que levan a cabo persoas usuarias da Unidade de Condutas Aditivas (UCA) de Ribeira, con Manolo Casais como guía e coordinador, na restauración da carpintaría da aldea que forma parte das Illas Atlánticas.
A actividade foi proposta no mes de abril polo Concelleiro de Sanidade de Ribeira, Juan Luis Furones, o Xefe de Servizo da UCA, Jesús Cartelle, e o coordinador do Proxecto, Manolo Casais, e consistiu na elaboración do menú para as persoas que estarían durante unha semana realizando a montaxe na antiga Escola do mobiliario que eles mesmos crearon. Esta rematou coa experiencia de realizar, ademais dese servizo de catering, unha xornada de convivencia coa visita á Illa de Sálvora e o cociñado dunha paella que acompañamos cunhas empanadas, tamén preparadas polo alumnado da formación.
Este curso realízase co apoio financeiro da Fundación ONCE a través da “Convocatoria de Axudas Económicas para a Selección de Operacións para o Reforzo da Empregabilidade para Persoas con Discapacidade “Uno a Uno” Programa FSE+ de Emprego Xuvenil – Ano 2023- 2024”.
E desenvolverase no marco do Programa de Emprego Xuvenil FSE+ 2021-2027 do Fondo Social Europeo (FSE), en concreto co Obxectivo Político 4, Prioridade 1, Obxectivo Específico h), establecido no Artigo 4 do Regulamento (UE) 1296/2013, relativo a “Fomentar a inclusión activa ó obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos”.