Thursday 21 de November de 2024

O Chanfaina lab converterá San Sadurniño en plató audiovisual entre o 6 e o 8 de setembro


O encontro audiovisual amplía programa con obradoiros antes e despois do encontro principal

Xusto unha semana despois da Feira Rural, San Sadurniño converterase en escenario físico e provedor de historias para o encontro audiovisual Chanfaina Lab, que vai xa pola novena edición. Desde o venres 6 até o domingo 8 de setembro, equipos formados por xente de aquí e outra convidada -moita dela de renome- compartirán o reto de filmar cadansúa curtametraxe dentro dos límites do noso concello, ofrecéndonos un punto de vista sempre novidoso e sorprendente. Ademais deses tres días de gravación de pezas e intercambio de coñecemento entre participantes, este ano volve haber obradoiros que, como novidade, se afastan das datas centrais.

O programa do 9º Chanfaina lab está xa practicamente pechado. Comezará coa recepción de participantes durante a tarde do venres 6 de setembro, seguida ás 20:00h da Eira de Cineastas -na Casa da Cultura- en que todas e todos se presentan amosando un anaco do seu traballo.

O sábado 7, día de filmacións, a Casa da Cultura acollerá ás 20:00h o ciclo Clásicos Chanfaina lab, dedicado este ano ás pezas producidas nas anteriores edicións que dun xeito ou doutro pousaron a súa ollada no castelo de Naraío, protagonista asemade do cartel.

O domingo 8 de setembro o Chanfaina lab despedirá a súa primeira parte -a segunda será a estrea das pezas en febreiro- mesturando cine e teatro na comedia “Sesión continua” de Bucanero Teatro. A obra, escrita polo desaparecido Lino Braxe, representarase ás 20:00h.

O Chanfaina leva varias edicións programando obradoiros sobre distintos aspectos da creación audiovisual. Este ano haberá tres, separados das xornadas centrais. Así, os días 21 e 23 de agosto de 16:00h a 20:00h, o actor Kevin Lorenzo ofrecerá un taller de técnicas interpretativas útiles para cine e teatro.

Os días 28 e 30 de agosto de 9:30 a 13:30h, o documentalista Domingo D. Docampo falará en “Sobrevivir a unha filmación” sobre a importancia da produción e planificación audiovisual, especialmente complexa cando se trata dun xénero coma o documental.

O último dos obradoiros terá lugar pasado xa o Chanfaina, os días 9 e 16 de novembro de 10 a 13:00h, conducido polo realizador Juan Lesta, quen tratará en “Despois da rodaxe, tesoira” sobre as técnicas de montaxe posteriores á gravación.

Quen queira participar nos obradoiros só ten que enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar aos teléfonos 616 332 919 ou 616 016 793. Nesas mesmas vías de contacto tamén apuntan xente para botar unha man no Chanfaina lab durante a primeira fin de semana de setembro, xa sexa propoñendo historias, localizando escenarios, guiando aos equipos ou axudando no labor de produción das curtas.