Friday 22 de November de 2024

Inaugurado o novo paseo fluvial de Iñás e Nós


Xa está aberto oficialmente desde esta tarde o paseo fluvial que conecta as localidades de Iñás e Nós a traves dunha fermosa senda de 4,1 km. O Concello investiu 3,5 millóns nesta actuación de protección da natureza e fomento da mobilidade sostible que nin Xunta nin Estado quixeron subvencionar por cuestións subxectivas.

Tal e como destacou o alcalde Ángel García Seoane durante a súa intervención, este paseo é unha das obras máis importantes realizadas nunca polo Concello de Oleiros. Para facela realidade foi preciso expropiar 65 fincas, que suman 38.027 metros cadrados, ademais doutros 111.348 metros que xa adquirira anteriormente o Concello a través de distintas fórmulas (Arenaza, Bosque Natural de Iñás, Mesón da Auga e Bosque do Vilar).

Esta nova senda constitúe un itinerario alternativo á N6 para moverse con seguridade, a pé ou en bicicleta, entre os distintos núcleos urbanos de Nós e Iñás, así como para acceder a importantes zonas comerciais. Coas obras creáronse 99 novas prazas de aparcamento para turismos, 8 de autocaravanas e 4 para autobuses.

Tamén destaca como magnífico escenario para a convivencia e a vida activa na natureza. A saúde pública tamén se promove creando este tipo de espazos para combater o sedentarismo.

O paseo tamén ten un valor paisaxístico innegable, que reforza o encanto dos lugares e urbanizacións que atravesa.