Friday 22 de November de 2024

A Praza dos Libros de Carballo bateu un novo récord ao superar os 1.700 exemplares vendidos


“De centeo de durmideiras”, de Rosalía Fernández Rial, foi o título máis vendido da plic!

Hai dúas semanas estabamos a celebrar unha das mellores edicións das dezasete que leva xa a Praza dos Libros de Carballo. E despois de recompilar os datos das enquisas aos libreiros e as libreiras, as valoracións dos autores e autoras participantes e as impresións do público, chegou o momento de compartir con vós o balance desta última plic!, unha iniciativa da Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística que conta coa colaboración da Fundación Luis Calvo Sanz.
Os grandes obxectivos da Praza dos Libros son animar á lectura e fomentar a literatura galega. Obxectivos cumpridos, porque batemos un novo récord de vendas ao superar os 1.700 exemplares, e practicamente a metade deles en galego.
Como é habitual, entre os títulos máis vendidos destacan os libros presentados na feira. Pero este ano hai dous que sobresaen: De centeo de durmideiras, da carballesa Rosalía Fernández Rial, que se sitúa no máis alto con case medio cento de exemplares, e O legado da nena do sal, de Elena Gallego Abad. Dun poema as ardentes estrofas, O camiño dos faros, Entroido e As alumnas foron outro outros títulos galegos ben acollidos polo público. As vendas en castelán destacaron pola variedade de títulos, sobre todo de novela e de literatura infantil e xuvenil.
Ao éxito de vendas nas librarías participantes (Brañas Verdes, Espiral Maior Foro, Clarión, A gata tola, Á lus do candil, Espazo Lector Nobel, Teldy e Trasgo) súmase o de asistencia ás actividades programadas, moi variadas, que encheron os catro días da plic!, un aspecto que destacou tamén a concelleira Ángeles Pacoret. E todo en perfecta harmonía co mercado do xoves e a feira do domingo, que é un dos aspectos mellor valorados polos libreiros e libreiras.
Ao longo dos catro días realizáronse unha trintena de actividades, incluído o pregón de Xurxo Souto. O xoves e o domingo, precisamente coincidindo coas feiras, foron os días de maior afluencia, como demostra o feito de que tanto as latas de atún Calvo do primeiro día coma os moletes de pan do último fosen insuficientes para saciar a fame de literatura do público. As tarxetas-rasca con premios directos tamén tiveron moi boa acollida.
A gran novidade desta edición foi a apertura do Espazo Manuel Facal, un recuncho dedicado ao noso artista máis internacional, falecido este mesmo ano, no que puidemos atopar unha pequena escolma de libros sobre a súa obra, vídeos gravados en distintos momentos da súa vida e obxectos de gravado que utilizou no curso que impartiu no ano 2013 no Fórum Carballo.