Friday 22 de November de 2024

Ambar presenta a creación escénica “Ping pong” dirixida por Paula Quintas


Hoxe día 26 presentouse en Ribeira a danza experimental con obxectos “Ping pong” argallada polo grupo de artes escénicas “Elas” de Ambar e dirixida pola coreógrafa visual e artista escénica ourensán, Paula Quintas.

Esta danza experimental con obxectos se presentará o vindeiro 31 de xullo na Porta do Sol de Ribeira ás 14:00 h.

Na presentación déronse cita a concelleira de Cultura, Antía Alberte, Elena Teira, coordinadora de Ambar, Paula Quintas e Noelia Argibay, do grupo de artes escénicas “Elas”.
Elena Teira manifestou o seu agradecemento ao concello por atender a esta proposta e invitou a cidadanía ribeirense para acudir á creación escénica “Ping pong” e engadiu que “nós dende hai tres anos intentamos profesionalizar as performance como lle chaman elas, nós non identificamos estas propostas coma de diversidade que teñen que estar presentes pola propia diversidade senón que simplemente son propostas de calidade e profesionais”; a proposta naceu por mor dun traballo e uns vínculos creativos con Paula Quintas que leva traballando neste proxecto conxuntamente co grupo “Elas” durante dous meses.

Quintas transmitiu o seu agradecemento pola oportunidade de traballar con Ambar e explicou que “a creación escénica é unha conversa, é un “Ping pong”, algo que vai e algo que volve…, dende o traballo corporal, ca abstracción do movemento vinculado con obxectos imos a xerar unha práctica escénica entendida coma unha mostra para compartila ca comunidade que é un pouco o obxectivo; poñer en práctica e mostrar ese traballo creativo dentro do aula.”

Noelia Argibay do grupo de artes escénicas “Elas” mostrou a súa gratitude e que está encantada de colaborar con diversos artistas contando que polo seu grupo xa pasaron Fran Sieira con “Mar Diverso” e Elena Salgueiro entre outros.

Para rematar a concelleira, Antía Alberte afirmou que dende o Concello temos que aportar visibilidade a estas creacións escénicas e que a maneira de comezar a normalizalo é programando coma unha actividade máis.