Friday 22 de November de 2024

O xornalista Bieito Rubido dará o pistoletazo de saída ás festas en honra a Santa Marta en Ortigueira


• Os festexos comezarán mañá e estenderanse ata o xoves 1 de agosto co concerto de Borja Quiza.

Os orteganos e orteganas están de celebración, pois desde mañá e ata o próximo 1 de agosto celébranse as festas patronais en honra a Santa Marta. Polos festexos pasarán preto dunha decena de grupos musicais, ademais doutro tipo de espectáculos como actuacións circenses.
A celebración comezará ás 21:00 horas de mañá no Cantón, cando o xornalista cedeirense Bieito Rubido, exdirector de medios da talla de La Voz de Galicia e ABC, e actual director do diario dixital O Debate, pronuncie o pregón que do pistoletazo de saída aos festexos. Ese mesmo día, sobre as 22:30 horas na Penela, actuará o dúo Boreal, e posteriormente a discomóvil Sonorama tocará na Alameda.
O domingo será o día do neno. Ás 12:00 horas as bandas sairán a animar as rúas de Ortigueira. Xa ás 20:00, será a quenda do Circo Chosco, que ofrecerá un incrible espectáculo no Cantón e, a partir das 22:30, a música poñerana na Alameda o grupo Xaque e a discomóvil Brunokavi, acompñada de Manuel Villasuso.
O luns 29 será, como non podía ser doutra forma, o Día da Patroa. Ás 12:00 horas celebrarase a misa en honra a Santa Marta. Pola noite, na Alameda actuarán o grupo A Bamba e a discomóvil Flaxx. O martes celebrarase a misa en honra á Caridade do cobre, tamén ás 12:00 horas. A partir das 22:30 animarán aos e as orteganos e orteganas os grupos Paixón e Chocolate.
Por último, o día 31 celebrarase a gran xira no piñeiral de Morouzos e o dúo A Hora Bruxa poñerá case punto e final aos festexos no Cantón a partir das 22:30. E é case o punto e final posto que o xoves 1 de agosto, ás 21:30 horas na Alameda, Borja Quiza e a súa banda ofrecerán un concerto homenaxe a Frank Sinatra. Este último concerto está promovido polo Concello coa colaboración da Deputación dá Coruña.