O Concello recibiu preto dun cento de achegas cidadás para a formulación da normativa que regulará o uso dos areais
Destacan as propostas sobre a convivencia cos cans e coas persoas que xogan á pelota ou ás pas
O pasado luns, 15 de xullo, rematou o prazo habilitado para a consulta previa á tramitación da nova ordenanza para o uso de praias da Coruña. En total, o Concello recibiu preto dun cento de achegas e suxestións de cara á formulación da normativa para o uso racional e sostible das praias da cidade, actualmente en fase de elaboración.
A proposta máis repetida polos cidadáns e as cidadás é relativa á prohibición do uso de altofalantes ou outros aparellos para reproducir música e son na praia, sinalando como obrigatorio o uso de auriculares. En segundo lugar, a presenza dos cans na praia foi tamén un dos temas máis repetidos. Aínda que a petición maioritaria é a de que se permita o acceso dos cans aos areais en horario nocturno durante a tempada de verán, tamén houbo persoas que reclamaron que se manteña a prohibición.
A convivencia entre quen vai a gozar do sol, o paseo e o baño e quen xoga á pelota ou ás pas na praia é outro dos aspectos que preocupa a cidadanía. A maioría das propostas neste sentido avogan por acoutar zonas para xogos que minimicen as molestias ás persoas usuarias. A prohibición de fumar e a mellora do equipamento dos areais, así como a colocación de sinalización que recolla e reforce as normas de convivencia son tamén algunhas das suxestións recibidas.
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, agradeceulle aos veciños e veciñas e asociacións que enviaron propostas “o seu interese por contribuír a unha ordenanza que ten como obxectivo establecer os criterios que faciliten a compatibilidade entre o gozo das praias e calas municipais coa súa protección natural, a convivencia e a seguridade das persoas usuarias”.